Ola #iPhone5, benvido ao pasado

Non, non nos volvemos tolos. Imos falar do iPhone 5. E é que ademais de androides somos #frikiños que disfrutamos e seguimos con atención todo o que se move no mundo da tecnoloxía, sobre todo a que ten que ver co mundo smartphone. 
Non imos entrar nunha guerra Android – Apple. Negar a importancia da compañía da mazá mordida no éxito e creación da necesidade de que todos teñamos (precisemos?) un smartphone hoxe en día sería faltar á realidade, como tamén o sería non admitir que as innovacións que acadan os diferentes fabricantes inflúen na competencia e fan que esta espabile. Así, por exemplo, a recente chegada dos teléfonos con Windows Phone como altenativa a Android e iOS (Apple) destaca por ser unha alternativa de smartphone visual e simple para quen busca unhas funcionalidades básica no seu terminal. Resumindo, toda innovación é boa e supón que a competencia espabile e intente mellorar e sacar algo aínda máis innovador.
Cando Apple presentou o seu iPhone 4S decepcionou: non mudou un ápice o deseño (cando moitos agardaban o iPhone 5 xa) e as características técnicas non supuxeron un grande avance. De todos os xeitos, hai que recoñecerlle a Apple a presentación de Siri como asistente de voz innovador, que outros implementarían alternativamente (Samsung co S Voice) nos seus terminais tempo despois e que, como dixemos cando analizamos o S3, non funcionaba tan ben como se agardaba.
Pero quizais a decepción maior para Apple chega co iPhone 5, presentación que non viu acompañada de nada innovador, nada que non tiñamos coñecido con anterioridade. Velaquí as principais novidades que apunta Apple (iPhone 5 e iOS 6, a versión do sistema operativo que trae):
  • O smartphone máis fino do mundo: xa sabemos que Apple gosta de faltar á verdade nas súas presentacións. Con 7,6 mm, o novo iPhone é máis groso que os androides Huawei Ascend P1S (6,68 mm) ou os 6,65 do Oppo Finder.
  • Dual core: é certo que non todo son procesadores, non se dá esa relación de máis núcleos máis potencia, senón que hai que saber xestionar os recursos. E aínda que estamos ante un dispositivo cuxo sistema operativo está perfectamente adaptado ao hardware, en Android temos varios terminais que van xa polos catro núcleos con excepcionais resultados de rendemento.
  • Pantalla de 4 polgadas: en xeral, gústannos as pantallas grandes. Até hai 2 días Apple seguía defendendo que as 3,5 polgadas eran máis ca suficiente, mentres o resto dos fabricantes vían como os seus clientes pedían pantallas maiores. E é que os smartphones cada  vez teñen máis funcionalidades, usámolos con máis frecuencia e non resulta igual de cómodo ler artigos ou ver vídeos nunha pantalla de 3,5 que de 4 ou máis polgadas, por moito que dixera San Steve Jobs. Por iso a meirande parte da gama alta de Android móvese no rango 4,3 – 4,6, que parece ser xa un estándar. Ben por Apple decatarse.
  • Conector privativo: só Apple se pasa polo forro as normativas que esixen un conector universal como o microUSB e presenta o seu novo conector que ademais non é compatíbel cos anteriores iPhone, agás a través de adaptador.
  • iSight = cámara que fai panorámicas: moitas revolucións de Apple pasan por mudar os nomes ás cousas (lembrevos cando bautizaron á videochamada de toda a vida Facetime). Á nova cámara chamáronlle iSight e a principal novidade (ademais de subir aos 8 megapíxeles, unha apertura f/2.4 étc) é que saca fotografías panorámicas. Benvidos a novembro de 2011, cando presentamos Ice Cream Sandwich.
  • Fotos á vez que gravas vídeo: leva meses implementándose nos dispositivos Android.
  • Mapas con navegación guiada e 3D: Sóanos Google Maps? Pois iso.
  • Sincronización de pestanas en todos os navegadores: é algo que tamén podemos facer con Google Chrome desde hai ben meses, se ben é certo a aplicación para Android só está dispoñíbel para dispositivos con Ice Cream Sandwich ou superior. Malia todo, ademais de Chrome temos outras alternativas que fan o mesmo… 
Daquela: é o iPhone 5 un mal teléfono?

Non, en absoluto. Aquí non se dixo tal. O único que criticamos é que Apple, a compañía asociada á vangarda tecnolóxica volveu decepcionar, perdeu a maxia de outros tempos e volveu a non estar á altura das espectativas; non descubriu absolutamente nada que non tivéramos visto antes, nada novidoso.
E iso é malo, porque entendemos que a única forma de innovar é a competencia, presentar de cada vez un produto mellor que os outros fabricantes, con novas características que faga aos demais seguir esixíndose máis e máis a si mesmos, non acomodarse.
Malia todo, sabemos que a iMisa de onte (a pesar de que o novo sacerdote non convenza tanto) serviu para que os que van facer a #acampadaApple o 28 de setembro saiban o que van atopar nas caixas 

Sobre o autor

Reply