Probamos o Sony Smartwatch, máis ca un reloxo con Android

Hoxe traemos a Mallando no Android a análise dun produto un tanto diferente, o Sony Smartwatch, un reloxo intelixente que serve para complementar ao noso smartphone Android, permitindo ter no brazo notificacións dunha serie de aplicacións, para non ter que andar sacando o móbil do peto tantas veces.
Deseño e conexións
O Smartwatch ten un deseño cadrado coas esquinas redondeadas. A parte frontal domínaa unha pantalla OLED de 1,3 polgadas e resolución 128 x 128 píxeles, o grosor máximo que atopamos é de 8 milímetros e non chega aos 16 gramos de peso.
Na parte posterior o aparello ten unha pinza plástica que serve para axustarse á correa de goma coa que agarraremos o dispositivo ao noso brazo. O lateral, recuberto cunha lámina de alumiño, é o lugar elixido para instalar o único botón físico do trebello, o de acendido e apagado, xa que o resto de tarefas faranse a través do bluetooth ou por contacto directo coa pantalla.
O conector de carga, situado na parte posterior, é de 4 pins con formato propietario de Sony. No pack de venda xa se inclúe o cable preciso para cargalo, que no extremo ten o conector USB que poderemos conectar por exemplo a un ordenador.
Configuracións previas
Antes de nada cómpre sinalar que non precisamos ter un smartphone Sony para poder usar o Smartwatch, vale calquera dispositivo con Android.
As configuracións inicias para poder empregalo por primeira vez poden resultar un tanto engorrosas. Primeiramente debemos instalar un par de aplicacións: Smartwatch e LiveView, ambas dispoñíbeis gratuitamente na Play Store. A primeira delas é a típica aplicación que corre en background (de feito non aparece no menú de aplicacións) a modo de driver e a segunda é a través da cal instalaremos os diferentes widgets no Smartwatch.
Para vincular Smartwatch e smartphone basta con activar o Bluetooth do noso móbil e presionar durante un tempo prolongado o botón de acendido do Smartwatch para que se sincronicen. Unha vez que ambos se coñecen xa podemos comezar coa instalación de widgets a través da aplicación LiveView.
E aí é onde vén o segundo engorro: os widgets hai que instalalos un a un, nun proceso que implica acceder á aplicación LiveView, mirar que widget queremos instalar, ir á Play Store para aceptar a instalación e autorizar/configurar as diferentes contas (Twitter, Facebook, Gmail…). Vamos, que leva o seu tempo.
Os widgets e as notificacións
Como vedes, o Smartwatch é un dispositivo para widgets. Como diciamos antes, a idea é poder consultar notificacións sen ter que sacar o teléfono do peto. Así, se nos mencionan en Twitter, por exemplo, recibiremos unha pequena vibración e poderemos mirar que nos comentaron, para ver s “urxe” responder ou non. Iso si, non poderemos contestar, pero xa vale para facer unha pequena criba.
Entre os widgets dispoñíbeis temos os máis habituais: redes sociais, correo electrónico, chamada, música, calendario, tempo… vamos, que hai onde elixir.
Conclusións
Logo de estar usando este trebello podemos concluír que dunha banda é un dispositivo interesante para aqueles usuarios sempre conectados e pendentes do correo, redes sociais étc… aínda que por outra tamén un deborador de enerxía para o noso smartphone, xa que precisar conexión continua por bluetooth fai que a escasa autonomía dos smartphones quede aínda máis mermada.
Ademais, esa mesma dependencia do bluetooth fai que se vivan situacións de desconexión, cando nos separamos un pouco do noso smartphone (pero hai quen se separa del? :P).
Na nosa opinión trátase dun pequeno capricho para early adopters, un dispositivo interesante pero que aínda está un pouco verde; en canto se simplifiquen os modos de conexión e dispoñamos de máis autonomía nos smartphones será un produto indispensábel para a maioría.

Sobre o autor

3 Comments

  1. Toninhofj 25 Setembro, 2012 Responder
  2. Iago Varela Martínez 25 Setembro, 2012 Responder
  3. Toninhofj 25 Setembro, 2012 Responder

Reply