Probamos a Blusens Tablet Pacha, un dispositivo máis ca interesante por 149 €

A galega Blu:sens amosou o seu interese polo mundo das tablets con algún dispositivo con Android 2.3, mais é agora cando poderíamos dicir que a aposta vai en serio grazas á, entre outras, Blu:sens Tablet Pacha que hoxe analizamos en Mallando no Android.
Contido da caixa
Comezando desde o másis básico, queremos referenciar o que nos atopamos ao abrir a caixa. E é que ademais da propia tablet inclúense os accesorios básicos necesarios e outros non tan habituais á hora de comprar un dispositivo pero que cómpre mercar, como a funda.

Así, o contido da caixa inclúe:
  • Tablet
  • Funda de neopreno
  • Cargador (non é microUSB)
  • Cascos
  • Cable USB para transferir datos ao computador
  • Adaptador para entrada de USB

Deseño, acabado e conexións
A parte frontal da Tablet Pacha está presidida pola pantalla de 7 polgadas, bordeada por un marco negro no que se inclúe a cámara, de 0,3 megapíxeles, calidade máis que abonda para facer videochamadas, que é o principal e único (ademais de autofotos, claro!) uso.
Nun dos laterais temos o altavoz e a saída de audio por jack 3.5 mm, mentres que no outro está o punto de carga, o microHDMI, o microUSB e un LED que se acende ao conectalo á corrente, non é de notificacións. A parte superior é onde se atopa o botón de acendido/apagado e os do volume. Xa na parte posterior, ben adornada cos logos de Pacha e Blu:sens, está o acceso para microSD de 32 GB e o micrófono.
Os acabados son en plástico suave, moi agradábel ao tacto. E o seu peso, 334 gramos, fan que sexa un dispositivo cómodo de levar.
Pantalla
Como comentabamos, a pantalla é de 7 polgadas, con 5 puntos multitáctiles, o que significa que detecta 5 puntos de contacto en pantalla simultáneos. A súa resolución é de 800 x 480 píxeles.
Como norma xeral ten unha boa reacción ás accións que se levan a cabo sobre ela, se ben é certo que cando se teñen moitas aplicacións abertas tarda un chisco máis en reaccionar, o que semella ter máis relación coa RAM que coa propia pantalla en si.
Sistema operativo e contidos precargados
Sen dúbida un dos aspectos máis destacábeis da Tablet Pacha é que conta con Ice Cream Sandwich (Android 4.0), non sabemos se actualizábel a Jelly Bean ou versións posteriores. A personalización introducida por Blu:sens é mínima e se limita ás iconas dalgunhas aplicacións típicas (navegador, cámara…) e á introdución de contido precargado.

E é que, como se pode deducir do nome, a nova tablet de Blu:sens ten un acordo co grupo de locais de ocio Pacha, no que se inclúe a introdución de imaxes, sesións de DJ e uns cantos vídeos, todos eles exclusivos.
Batería
Atopámonos cuns resultados de duración de batería sorprendentemente positivos, cunhas 4 horas e pico en reprodución de vídeo (máis se desconectamos a WiFi) e de máis de 2 días cun uso medianamente intensivo, empregando a tablet para temas non multimedia (navegación, redes sociais, étc.).
Conclusións
A nosa experiencia coa Blu:sens Tablet Pacha foi en termos xerais positiva. Atopámonos que se trata dun dispositivo moi cómodo para xente que anda dun lado para outro dado o seu tamaño, que se garda en calquera lado á vez que ten unha pantalla máis grande, e polo tanto máis cómoda, ca a dun smartphone.
Así mesmo, a súa capacidade de almacenaxe interna, 8 GB é máis ca sufiente para meter varias películas e, se iso non é abando, podemos recurrir á tarxeta microSD.
O flash para disfrutar de toda a navegación web, ou o acceso á Play Store (lembremos que moitas tablets económicas non teñen este acceso, o cal limita as cousas á hora de acceder a un mercado de aplicacións), así como tamén o feito de contar con Ice Cream Sandwich, son outros aspectos positivos a ter en conta.
Na parte dos aspectos negativos estaría a conectividade unicamente WiFi, sobre todo cando estamos a falar dunha tablet tan cómoda para desprazamentos (se ben é un tema que se pode solucionar con tethering desde o noso smartphone se o noso operador de rede o permite), así como tamén a RAM, que con 512 MB queda un pouco escasa cando se lle esixen moitos recursos.
Definitivamente, é un produto que desde Mallando no Android recomendamos para un público xeral, xa que os 149 € que custa supoñen unha boa relación calidade/prezo, aínda que para aqueles usuarios máis avanzados que buscan un dispositivo moi potente, a Tablet Pacha quedaríalles xusta.

Sobre o autor

No Responses

Reply