A análise que vos traemos hoxe é unha oda a accesibilidade, economicamente falando. Como sabedes, é moi habitual que falemos de dispositivos que fan auténticas marabillas e son, ás veces, máis potentes que algún ordenador que temos polas casas. Claro que tamén eses dispositivos teñen uns prezos que non están ao alcance de todos os petos e cuxas prestacións quedan grande a usuarios que fan un uso moderado dos seus smartphones.
Para eles, unha alternativa interesante é o Smart II que hoxe analizamos, un dispositivo económico e cunhas prestancións básicas pero moi interesantes. Saibamos un pouco máis del.
Con 120 gramos de peso, unha memoria interna de 150 MB (aínda que se vende cunha tarxeta de memoria de 2 GB e admite tarxetas de até 32 GB) e un procesador de 800 MHz, o Smart II é un terminal pensado para un público novo e usuario da modalidade de cartón prepago.
Deseño, acabado e conexións
Estamos a falar dun terminal pequeno, que cabe na palma das nosas mans. Os acabados posteriores e laterais son en plástico, iso si, divididos en 2 pezas: unha lámina que cubre a parte traseira e o reborde.
Esta división permite personalización, xa que o dispositivo inclúe 4 rebordes e 4 tapas traseiras, o que nos dá un total de 16 combinacións de cores diferentes, para poder “mudar de móbil sen mudar de móbil”.
Atopamos só 3 botóns físicos, o de acendido, a tecla de volume e un acceso directo á cámara. En canto entradas ou saídas só dispón de microUSB (para datos e carga) e jack 3.5 para o audio.
Pantalla
A pantalla é de 3,2 polgadas e unha resolución de 480 x 320 píxeles, que se ben é certo que se trata dunha TFT normaliña, sen pluses de ningún tipo, conta cun bo nível de reacción aos xestos, así que neste sentido ten unha valoración positiva.
Sistema operativo
O Smart II vén con Gingerbread, concretamente a 2.3.7 e non vai ser actualizado a versións posteriores. Isto é debido ás características que fan deste dispositivo un elemento básico, que fuxe de grandes aspiracións software ou hardware.
Vodafone modificou levemente o software para incluír aplicaciónse widgers propios, , moi vencellados á xestión dos servizos que ofrece a operadora, como Mi Vodafone,, Televisión ou Tiempo de Vodafone.
Cámara e multimedia
A cámara é de 3,2 megapíxeles con flash LED (algo a destacar, porque xeralmente os terminais low cost carecen desta característica) e autoenfoque. Non é que se trate de ningunha marabilla de cámara, os resultados son decentes en exteriores e tirando a malos en interiores ou macro.
Batería
A batería é un dos puntos fortes deste terminal, xa que cun uso moi intensivo do mesmo acadamos día e medio de autonomía, resultado por riba da media dos smartphones que hai no mercado.
Conclusións
Estamos a falar dun terminal básico, un dispositivo que atopamos moi interesante para usuarios “novatos”, como poderían ser adolescentes co seu primeiro móbil ou para xente adulta que só queira usar correo e Whatsapp, por exemplo. Así mesmo, tamén podería ser unha opción a considerar como segunda línea (por exemplo, como móbil para levar á praia, ou smartphone de backup).
O Smart II pódese conseguir a 0 € en calquera contrato ou a 69 € en cartón prepago na tenda de Vodafone, empresa que nos cedeu este terminal para a análise