Analizamos o LG Optimus L7: cando a gama media vai un paso máis aló

Lonxe quedaron os tempos nos que os terminais de gama media Android quedaban relegados a pantallas pequenas, procesadores pouco potentes, deseños máis toscos e versións antigas do sistema operativo. Ou iso é o que nos ofrece LG na súa gama de terminais L-Style no que se inclúe o L7 que hoxe analizamos.
Deseño, acabado e conexións.
Co L7 atopámonos diante dun terminal con boa presenza, cunha parte frontal limpa na que a pantalla comparte protagonismo cun único botón central e a cámara de dianteira. Malia que a capa traseira conte cun acabado en plástico rugoso que nos lembra que estamos ante un terminal medio, a presenza dunha liña metálica en todos os laterais danlle un toque estético positivo.
Mirando arredor do terminal atopámonos con que só dispón, ademais do xa citado botón central, de botón de acendido e de subir/baixar volume. Ademais, na parte superior temos o conector de audio jack 3.5 de audio e na inferior a entrada microUSB de carga e conexión cun ordenador.
Aínda que non se ve a simple vista, basta con que abramos a tapa traseira var ver que conta con chip NFC, que como sabedes é un chip de comunicación con grandess posibilidades (pago, compartición de multimedia, acreditación…)
O NFC atópase na tapa traseira
O grosor e peso do terminal están moi conseguidos, con 8,8 milimetros, resultando moi agradábel e lixeiro nas mans malia ser un dispositivo grandeciño.
Pantalla
A pantalla do L7 é de 4,3 polgadas, un tamaño moi interesante e que até hai pouco estaba reservado aos tope de gama dos fabricantes. A resolución é de 480 x 800 píxeles, cunha densidade de 217 ppp e con 450 nits de brillo. Todo isto tradúcese nunha pantalla que goza de boa visibilidade en diferentes ambientes, interiores e exteriores, se ben é certo que atopamos un pequeno “fallo” na xestión do brillo: o non poder facelo automaticamente.
Sistema operativo
Como era esperábel, o L7 vén con Ice Cream Sandwich, o cal é unha vantaxe porque permite instalar aplicacións como Chrome, só destinadas a versións 4.0 ou superior, ademais de outras moitas vantaxes desta versión de Android que xa temos comentado moitas veces no blogue. Supoñemos que será actualizado a Jelly Bean nos vindeiros meses.
Extendendo a barra de notificacións podemos activar/desactivar diversas prestacións
Cámara
A cámara principal é de 5 megapíxeles e dispón de diversos modos de disparo (normal, continuo, panorámico…) e numerosos aspectos de personalización. Consegue uns resultados bastante bos e a única pega que se pode poñer é que resulta un chisco lenta ao arrancar (pasar de modo espera a modo cámara). 
A cámara elixida para o frontal é unha VGA, algo xustiña en canto a calidade pero abondo para videochamadas.
Batería
A autonomía do L7 é de día e medio para un uso normal, algo que consegue cos seus 1700 mAh de batería. Se lle damos un uso intenso chegaremos sen problemas ao final do día.
Conclusións

As impresións das probas co L7 foron en xeral positivas, en canto a usabilidade para o público máis xeral que empregue o terminal coas prestacións básicas dun smartphone. Cando forzamos o terminal a traballar con moitas aplicacións pesadas si que notamos como respondía máis lento, algo lóxico tendo en conta os seus 512 MB de RAM.
Valoramos moi positivamente os 4 GB de almacenaxe interno (2,5 dispoñíbeis para o usuario), pero sempre ampliábeis até en 32 GB extra mediante tarxetas microSD, á que se accede desde o interior do aparello.
Outro aspecto moi a ter en conta é o prezo, pouco máis de 200 euros, o que fan que o L7 sexa un dos terminais con mellor relación calidade/prezo do mercado actual de smartphones.
Aproveitamos a ocasión para agradecer a LG o préstamo do terminal para poder facer esta análise.

Sobre o autor

Reply