Nexus 4, Nexus 10 e novos Nexus 7: Google presenta os seus novos dispositivos de referencia

A moi anticipada nova versión dos Nexus foi por fin anunciada hoxe oficialmente. A nova liña de hardware de Google, que funcionará inicialmente con Android 4.2, inclúe 3 importantes novidades:

Nexus 4

O novo terminal de referencia de Google chámase Nexus 4 e está fabricado por LG. A súa pantalla chega ás 4,7 polgadas (resolución de 1280 x 768 píxeles) e o seu procesador é un SnapDragon S4 Pro a 1,5 GHz. Conta con 2 GB de memoria RAM, e 8 GB de memoria interna non ampliábeis, aínda que tamén hai unha versión con 16 GB.
A cámara é de 8 megapíxeles, e conta coa posibilidade de tomar fotografías panorámicas en modo esfera co novo sistema Photo Sphere. A batería, pola súa banda, poderase cargar de forma inarámica grazas a unha base que supoñemos se venderá por separado.

No que ten a ver cos prezos, atoparemos inicialmente na Play Store, desde o 13 de novembro, a versión de 8GB por 299€ e a de 16GB por 349€.


Nexus 10

No que ten a ver coas tablets, tras o éxito da Nexus 7 chega agora a nova Nexus 10, un dispositivo que chega ás desexadas 10,1 polgadas e fabricado por Samsung, quen xa ten certa experiencia e complicidade con Google, lembremos os Nexus S e Galaxy Nexus.
Entre as súas características están, ademais da pantalla de 10,1 polgadas (resolución 2560 x 1600), un procesador Exynos 5 de nova xeración e fabricado pola propia Samsung a 1,7 GHz, 2 GB de RAM, 16  ou 32 GB de memoira interna non ampliábeis e a promesa dunha batería que soportaría 9 horas de reprodución de vídeo e máis de 500 de stand-by.
Conta ademais con microUSB, micro HDMI, altofalantes externos, cámara frontal, cámara traseira de 5 megapíxles con flash, NFC e LED de notificacións.

Os prezos desta nova tablet, dispoñible igualmente desde o 13 de novembro na Play Store, serían 399€ para a versión de 16GB e 499€ para a versión de 32GB.

Novo Nexus 7, agora con 3G
Ademais dos novos dispositivos, o Nexus 7 tamén vén de ser renovado, aparecendo unha nova versión con 3G, para todos aqueles que queiran usar a conectividade da súa tablet tamén en espazos sen WiFi. O prezo desta nova versión, só coa opción de 32GB de memoria interna, sería de 299€, a partir do 13 de novembro na Play Store. As versións con wifi unicamente ficarían nos 199€ (16GB) e 249€ (32GB) respectivamente.

Deixámosvos, por último co vídeo promocional presentado por Google:

Sobre o autor

Reply