Os termos adicados á informática sofren ás veces tratamentos imprecisos (p.e. hacker / cracker). Por iso hoxe queremos falarvos dunha desas imprecisións que se len con asiduidade: Android e os virus.
Os virus son, por definición, programas ou pezas de software que se instalan nun dispositivo sen permiso nin coñecemento por parte do usuario e que habitualmente se propagan a outros dispositivos para seguir contaxiando. Neste sentido, se nos preguntamos se existen virus en Android a resposta é NON.
Entón por que se fala de virus en Android e de aplicacións para contrarrestalos (antivirus)? Pois porque aínda que non existan virus existe o malware, que son programas que conteñen código malintencionado. Vamos, que fan cousas que non deberan.
O malware adoitámolo instalar os propios usuarios, por descoñecemento ou por confianza de máis en aplicacións de orixe descoñecido. Intentaremos explicar isto un pouco mellor:
Cando instalamos unha aplicación pregúntasenos se aceptamos unha serie de permisos. Se nos paramos a miralos veremos a que poden acceder: axenda de contactos, localización, … neste sentido, cando instalemos aplicacións de desenvolvedores non coñecidos (imaxinamos que Google, Twitter… non nos meterán malware) debemos fixarnos en se os permisos que nos solicitan son acordes a que vai facer a aplicación. Por exemplo, un widget do tempo é habitual que acceda á localización e a Internet para ofrecernos información da climatoloxía no lugar no que nos atopemos pero… para que podería querer acceder aos nosos contactos?
Especial coidado temos que ter cando instalamos aplicacións que veñen dun lugar foráneo, é dicir, que non están na Play Store ou noutro mercado alternativo de confianza. E é que ás veces atopamos arquivos .apk por Internet de dubidosa procedencia, aos que debemos prestar máxima atención.
Existen ademais as chamadas aplicacións antivirus. En realidade, non son tal cousa porque como dixemos non hai virus. Pode ser interesante ter algún instalado (os principais fabricantes de antivirus teñen a súa aplicación na Play Store) para que se preocupe por nós de detectar e eliminar o software malicioso que poidamos ter.
Algunha vez tivéchedes problemas de malware no voso Android?