Probamos a base de audio ND8520 de LG

Estes días pasados tivemos a sorte de probar un dispositivo diferente aos que adoitamos analizar no noso blogue, un gadget que combina deseño e son de alta calidade e que resulta o complemento perfecto para os nosos dispositivos Android. Falamos do ND8520 de LG.
Un deseño moi coidado
Ao sacar o ND8520 da súa caixa o primeiro que nos chama a atención é o seu deseño, un cubo negro de 245 mm de lado, que semella formado por outros cubos máis pequenos. Na parte dianteira, un display de caracteres vermellos se ilumina ao estar aceso, indicando a fonde de audio escollida.
A parte traseira é a que rompe un pouco a estética do aparello, onde atopamos a entrada USB, unha line in de 3.5 mm e o cable de alimentación. A parte superior dispón de dock de anclaxe para os dispositivos Apple (iPod, iPhone, iPad).
O cubo compleméntase cun mando co que podemos mudar de modo, manexar o volume e as memorias.
O certo é que nos pareceu un dispositivo esteticamente moi fermoso, que luce moito en calquera lugar do noso fogar integrándose como un produto innovador e fuxindo dos típicos altofalantes.
Son e usabilidade
O LG ND8520 dispón de diferentes orixes para a reprodución de son, son os seguintes:
  • Radio FM, con 10 presintonías e seguemento de RDS
  • Porto USB, ao que podemos conectar unha chave ou disco multimedia con arquivos en formatos mp3 e wma
  • Line in para cable e conector de 3,5 mm
  • AirPlay para iPod/iPhone/iPad
  • Bluetooth
Para a análise do aparello usando os nosos dispositivos Android empregamos a conectividade Bluetooth, algo enormemente sinxelo de configurar:
  • No ND8520 puxemos modo BT
  • Na tablet buscamos dispositivos Bluetooth nas proximidades e conectamos co gadget.
Así de sinxelo. Feito iso non tivemos máis que poñer a reproducir na tablet música que tiñamos almacenada en Google Music (aínda que obviamente valería que reproducíramos desde calquera outra aplicación)
Os resultados sonoros foron un son de gran calidade, grazas ao seu formato de 2.1 canles e 80 W, con especial mención aos baixos a través do subwoofer que integra. En canto aos modos de ecualización dos que dispón atopamos os típicos normal, pop, classic, rock e jazz.
Conclusión
En resumo, podemos dicir que o LG ND8520 é un complemento perfecto para disfrutar da música con calidade de son nas nosas casas. E é que estar comodamente no sofá manexando remotamente a música que reproducimos desde o noso smartphone ou a nosa tablet é moito máis ca calidade de vida 🙂
O LG ND8520 pódese mercar en diferentes tendas de electrodomésticos por algo máis de 200 €.
Aproveitamos a ocasión para agradecer a LG o préstamo deste dispositivo para a súa análise

Sobre o autor

Reply