Probamos o Galaxy Note II a fondo

E unha tablet? É un smartphone? Non, é unha Galaxy Note II. Así poderíamos comezar esta análise do renovado tabletphone de Samsung, un dispositivo de pantalla grande e cunha suite de ferramentas que farán del un dispositivo no que traballar sexa simplesmente ocio.

Que hai na caixa dunha Galaxy Note II?

En época de recurtes (falamos de accesorios) cómpre que nas nosas reseñas teñamos que facernosesta pregunta para que non vos levedes sorpresas cando abredes a caixa. Xunto á propia Note II, na caixa atopámonos:

  • Adaptador de corrente (USB – enchufe.
  • Cable microUSB – USB
  • Cascos
  • Adaptadores para o orella
  • Documentación
Deseño, acabado e conexións.
É unha evidencia que a Note II está insparada no Galaxy S III: así no lo confirman as formas redondeadas do aparello, aínda que neste caso é algo máis groso.
Na parte dianteira hai un único botón central visíbel a primeiras, o de inicio, mais no propio marco tamén se atopan o de menú e atrás, que se iluminan ao premer. Ademais, na parte superior, xunto ao altofalante, temos a cámara frontal de 2 megapíxeles e o LED.
Na parte traseira achamos a cámara traseira (8 megapíxeles), xunto ao seu flash, e o altofalante. No lateral esquerdo temos as teclas de volume, no dereito  a de acendido, na parte supeior o conector jack 3.5 e na inferior o microUSB e o acceso ao S-Pen, o stylus intelixente de Samsung que incorpora este terminal.
Aínda que non se lle ve, conta tamén con NFC, que se suma ás conectividades habituais (WiFi, Bluetooth, WiFi Direct…).
Os acabados son en plástico duro, moi suaves e cómodos, ofrecendo gran sensación de seguridade (como que non nos vai saír escapado da man). 
En canto ás sensacións sobre o tamaño, malia ter unha pantalla de 5,5 polgadas non resulta excesivamente grande na man, adáptase moi ben. Outra cousa e que nos caiba no peto do pantalón (persoalmente, entrábame na maioría dos vaqueiros, a modo de referencia…).
Pantalla
Seguramente a pantalla sexa un dos aspectos máis destacados do terminal. As 5,5 polgadas son de tecnoloxía SuperAMOLED HD con resolución 1280 x 720. Conseguen unha calidade de cor e brillo bastante superior a outros terminais da mesma gama. Resulta tamén especialmente cómoda ao tacto, e sensíbel aos nosos movementos.
Sistema operativo
A Galaxy Note II conta con 4.1 Jelly Bean, aínda que está a piques de recibir (seguramente en decembro ou comezos de ano) a actualización a 4.2 (tamén Jelly Bean). Non nos imos centrar tanto nos aspectos de Android que incorpora (porque xa falamos das características destas versións noutros post), senón nos que achega Samsung coa súa capa de personalización.
Algunhas delas xa as vimos no S3, como a Pop Up Play, que permite visualizar un vídeo sobre  calquera pantalla, independentemente do que esteamos a facer. Tamén Smart Stay, a de apagar a pantalla se non miramos para ela, ou S-Voice, o asistente de voz, que segue aso mesmas grallas que cando o probaramos no S III.
O máis destacado desta capa é a redifinición do S-Note, aplicación que coñeceramos na Note orixinal, e a posibilidade de multixanela (chamada MultiView).
Con MultiView podemos ter dúas aplicacións abertas á vez. Accédese a esta funcionalidade presionando durante un tempo o botón atrás, momento no que se nos desprega un menú no que podemos escoller que aplicacións abrir (non valen todas) e arrastralas á pantalla.
S-Note é a aplicación coa que sacamos todo o partido ao S-Pen. Chega renovada con opcións tan interesantes como algunha das que vos detallamos a continuación:
Fórmulas matemáticas: neste modo é capaz de recoñecer unha fórmula matemática escrita e traducírnola para que se entenda ben:
Formas: do mesmo xeito que as fórmulas matemáticas podemos debuxar formas (eses círculos que parecen ovos) e que se encargue de traducírnolas a formas ben feitas.
Esbozo de ideas: permite que poñamos unha palabra e que se nos traduza nun debuxo co que poder traballar: por exemplo, se poñemos “casa” daranos varias imaxes de casas, étc.
Cámara

Como xa comentamos, a cámara frontal é de 2 megapíxeles, bastante superior aos habituais 1,2 MP que adoitan ter os terminais de gama alta. Con ela pódense facer imaxes de calidade máis que aceptábel.
A cámara traseira, de 8 megapíxeles, lémbrounos moito en calidade á do S III, conseguindo moi boas imaxes en todo tipo de condicións lumínimas e tamén en macro.
Deixámosvos algúns exemplos de fotos tomadas coa Note II.
Batería
A batería, de 3100 mAh, compleméntase cunha moi boa xestión do consumo enerxético, co que se consegue día e medio e mesmo dous cun uso moderado e aguantar o día sen problemas (chegar ao final co 25%) para días de uso intenso, o cal é superior a moitos dispositivos que hai no mercado.
Conclusións
Estamos a falar dunha máquina moi potente. Cun procesador de 4 núcleos, 2 GB de RAM e versións de 16, 32 e 64 GB (ampliábeis en até 64 GB mediante microSD, só dispoñíbeis en España as de 16 GB polo de agora), a Galaxy Note II é unha ferramenta para os máis esixentes, que goza do hardware máis avanzado e dun software traballado e pensado para o dispositivo.
Non está chamado a ser un produto de masas (aínda que as boas vendas digan o contrario), senón que está pensado para os usuarios que empreguen este dispositivo como ferramenta de traballo, pois para iso foi pensada.
En termos xerais cremos que se trata dun fantástico terminal, moi superior a outros dispositivos da mesma gama en case todos os aspectos, pero ademais cunha fusión perfecta de hardware e software. Poderíase mellorar algún aspecto estético na parte traseira, pois dá algo de sensación de menor calidade, mais tampouco nos parece algo tan rechamante para que sexa relevante.

Sobre o autor

Reply