Google acaba de anunciar o lanzamento dunha nova versión de Currents, unha aplicación de lectura de novas moi completa que, sen embargo, non acaba de callar entre o público. Se cadra agora, coas novidades que incorpora a nova actualización somos máis os que nos animamos a empregala no noso día a día.
A nova versión, 2.0, incorpora a navegación xestual, que permite que nos poidamos mover entre diferentes novas dun xeito moito máis áxil. Así mesmo, tamén se introducen os favoritos, cos que poderemos gardar aqueles artigos que nos interese conservar a man para ler noutro momento ou volver a eles en futuras consultas.
O catálogo de publicacións recibe tamén un lavado de cara en canto a deseño, e aparece unha barra lateral de acceso rápido ás suscricións que teñamos escollido. Así mesmo, existe un espazo reservado para as novas de última hora.
Aínda que xa se adaptaba a pantallas de diferentes tamaños, con esta actualización esta adaptación faise aínda máis notoria, semella que tomaron en serio a existencia de infinidade de tamaños en liña coa cantidade de androides diferentes que atopamos no mercado.
Lembrade que podedes engadir a Mallando no Android ao voso Google Currentes abrindo desde o voso dispositivo Android esta ligazón.
Nome da aplicación: Google Currents.
Prezo: Gratuíta
Requerimentos: Android 2.2 ou superior
Desenvolvedor: Google
Descarga: Play Store