Analizamos TSF Shell, un laucher que non deixará indiferente a ninguén

Hoxe imos falarvos polo miúdo dun launcher moi completo, TSF Shell. A diferenza da meirande parte de launchers adicionais que estamos afeitos a ver pola Play Store, TSF Shell non ten o esquema típico de escritorio con dock na parte inferior, senón que está pensado doutro xeito: o espazo para as aplicacións é un escritorio máis e logo, a continuación, estarían os “escritorios de traballo”, é dicir, o lugar no que colocar os accesos directos ás nosas aplicacións ou widgets favoritos.
Na foto superior amósase como se presenta o TSF Shell. O primeiro que chama a atención son os cadradiños da marxe esquerda, que ao ir premendo despréganse ofrecéndonos moitas opcións de configuración.
Así, por exemplo, premendo no primeiro aparecen as opcións para movernos entre as aplicacións instaladas: se queremos un desprazmento liñal, xirando, con efecto cilindro… todos eles cun grande atractivo:
Se imos á segunda opción amósansenos diferentes xeitos nos que podemos ordear as aplicacións: alfabética ou cronolóxicamente por orde de instalación 
Continuando, a terceira opción inclúe dúas posibilidades. Dunha banda (imaxe inferior esquerda) facilita as labores de desinstalación de aplicacións premendo na icona da papeleira e logo pulsando sobre a icona da app a eliminar, e doutra (imaxe inferior dereita) ofrécenos a posibilidade de agochar aplicacións que temos instaladas.
A cuarta ventaniña achéganos unha das opcións máis atractivas: descargar diferente widgets cos que personalizar e facer moito máis atractivo o noso terminal. Así, como podedes ver nas imaxes a continuación, déronlle unha volta ao marco para fotos que inclúe Android de serie cunha curiosa opción: un zeppelin do que colga un espazo para poñer unha foto. Ademais, este widget está en continuo movemento e, aínda que non aporta moito, resulta moi visual.
Outros widgets que nos ofrece TSF Shell serven para dispór dunha galería de imaxes diferente: as fotos amoréanse unhas enriba de outras até que prememos sobre elas, que comezan a xirar formando unha espiral; cando chegamos á que queremos visualizar, prememos nela e xa se fai grande.
Tamén temos a posibilidade de descargar un widget do tempo, que ao pulsar nel despréganse uns edificios que teñen máis ou menos cor dacordo ao tempo que vai. Como estaba nubrado á hora de facer esta análise, aparecen as nubes e tons grises nos edificios.
Pasando ao reprodutor de música, atopamos algo que non nos gustou demasiado: non fomos quen de poñer o reprodutor no medio da pantalla, non sabemos se porque está pensado para pantallas máis grandes (a que empregamos foi de 3,5 polgadas) ou se é un erro xeralizado do launcher.
Ao premer no reprodutor desprégase a listaxe coas cancións que teñemaos na memoria do noso teléfono:
A transición ou xeito de movernos entre escritorios pode chegar a ser tan visual como o que vemos na seguinte imaxe. Desde aí tamén podemos engadir ou eliminar novos escritorios. 
Finalmente, para ir rematando, quixéramos destacar outro dos aspectos interesantes deste Launcher: a posibilidade de mover aplicacións en bloque para colocalas todas xuntas noutro lugar do escritorio.
Cómpre dicir que malia ser un launcher de pago, e non moi económico para o que estamos acostumados, o seu prezo é bastante acorde a todo o traballo que hai detrás e está máis que xustificado.
Nome da aplicación: TSF Launcher
Prezo: 12,99 €
Requerimentos: Android 2.1 ou superior
Desenvolvedor: TSFUI
Descarga: Play Store

Este artigo foi escrito por Álvaro Mouteira Souto. Ti tamén podes colaborar enviando os teus artigos ou análises

Sobre o autor

Reply