Coñecendo os desenvolvedores: Xes García

Seguimos co fío de desenvolvedores. Hoxe visítanos virtualmente Xes García.
[Androficha]
Cóntanos, como te chamas?
Son Xes García Santamarina, opero como muaki lt. en Google Play
E de onde es?
Son de A Fonsagrada (Lugo) pero vivo na Coruña.
Algún lugar onde saber máis de ti?
Teño un perfil en twitter, @xesgarcia e conta en Linkedin.  

[Entrevista]

Canto tempo levas facendo cousas para Android? Como comezaches?

Pois levo agora ano e medio e fai uns seis meses que publiquei a miña primeira aplicación. 

Eu veño do mundo audiovisual, pero sempre me chamou a programación. As apps móbiles son como un punto intermedio entre os dous mundos. Proporcionan unhas oportunidades a desenvolvedores con formación multimedia que o escritorio, por exemplo non permite tanto. Ademais o “boom” que colleu o sector ultimamente axudou a que me decidira claro.

Empregando a miña experiencia como guionista fixen unha aplicación, myScreenplays que serve para escribir guións audiovisuais no móbil. A verdade é que funciona bastante ben xa que, neste momento, é a número un en todo o mundo, tanto en usuarios coma en valoración.

Fas aplicacións para outros sistemas operativos? Cales cres que son as vantaxes de facer cousas para Android? Cales as de outros sistemas operativos?

De momento non, pero teño formación para traballar en iOS e estou probando o SDK de Windows Phone porque houbo usuarios que me pediron que portara a miña aplicaicón para este sistema.


Sobre as vantaxes de Android, destacar que é multiplataforma (podes desenvolver tanto en Windows coma Linux coma osx). Ademais, ter unha empresa coma Google detrás tamén é bo evidentemente, o feito de poder integrar os mapas ou outras moitas APIS de Google na túa plataforma está moi ben.

Tamén hai que ter en conta que Android é o sistema operativo móbil con mais usuarios e que Java é unha linguaxe moi popular e con moito soporte tanto da comunidade como a nivel librarías, sen esquecenos de que se pode venter noutros mercados alternativos, como Amazon.

Sobre as vantaxes dos outros sistemas operativos móbiles, polo que se di por aí, e debe ser verdade porque está moi aceptado, gáñase mais diñeiro con iOS. Tamén parece que pouco a pouco vai cambiando a tendencia nas últimas versións de Android. Eu, o 80% dos usuarios de pago que teño son de Android 4 e superiores fronte ao 50% da versión gratuíta. Google tomou certas medidas ao respecto e parece que están funcionando.

O Windows Phone é unha incognita. Tería unha gran vantaxe se a súa estratexia de unificar os sistemas operativos móbiles e de escritorio funcionara, algo que ainda está por ver. Hai que lembrar que Windows ten prácticamente o monopolio do escritorio e iso para un desenvolvedor é un mercado moi grande.

Que smartphones, tablets ou outros gadgets Android tes?

Non son un gran consumidor de dispositivos. Teño un mobil de gama media/baixa o ZTE Blade que vai coma un tiro e unha tablet do Carrefour, a miña próxima compra non será un Nexus 4 senon unha Raspberry Pi.

Non é por cuestión de cartos, que tamén, pero a min o que me gusta é ter un dispositivo de gama media ou baixa e “tunealo” para sacarlle o maior partido posible. Procúrame máis satisfación ter o meu móbil funcionando perfectamente con Android 4.0 cando se supón que só debería poder con 2.3 que o feito de mercar o último aparello con todo incorporado.

Tampouco me apetece formar parte da estratexia das operadoras que financian os móbiles con permanencias nas que acabas pagando o doble do que custa o terminal. Aínda así, recoñezo que os últimos Nexus de Google e os Kindle de Amazon son unha virguería e que ademais conseguiron axustar bastante o prezo.

Cales son as túas oito aplicacións imprescindíbeis ou favoritas? (non valen as propias!).

Se tivera que escoller as aplicacións imprescindíbeis probabelmente serían as que usa todo o mundo: Google Maps, Gmail, Calendar, YouTube, Whatsapp, Facebook, Instagram… pero intentarei mencionar outras que non son tan coñecidas nin usadas (aínda que case todas teñen millóns de descargas):

  • Smooth Calendar: para min o mellor widget de Calendario. 
  • Zeam Launcher: un launcher lixeiro para móbiles mais xustos de recursos, coma os meus.
  • FBReader: un lector de ebooks aberto e multiplataforma que uso en Linux, Android, Windows e osx.
  • gStrings: serve para afinar instrumentos de corda.
  • MessagEase: o meu teclado por defecto.
  • Android UI Patterns: unha app que recopila librerías de interfaz de usuario, moi útil para desenvolvedores.
  • Twicca: non sei se será o mellor cliente de Twitter pero o caso é que xa non probei máis.
  • Pocket (antigo Read it Later): sincronizame enlaces entre o móbil e Firefox, do estilo Delicious.

Cales son, ao teu entender, os principais retos de Android para os próximos meses ou anos?

Android parece que ten o camiño bastante despexado a curto medio prazo. Quizais o principal reto que teñen sexa conseguir manterse onde están.

Pódese vivir de facer aplicacións para móbiles?

Imposíbel non é, pero si complicado. Desde logo non é algo que poidas facer deSde o primeiro día. Require meses senón anos de traballo conseguilo e ao mellor incluso así non se consigue. Nas publicacións e blogues sempre se len as historias de fulanito que fixo a aplicación e gañou un montón de diñeiro. Pero iso é unha porcentaxe mínima.

Que lle recomendarías a alguén que quere comezar a programar en Android?

Non creo que haxa nada que se poida dicir que non se dixera xa un cento de veces pero tres ou catro cousas así que se me ocurren:

  • Unha cadeira cómoda xa que vai pasar alí sentado moito tempo.
  • Coidar moito o deseño e a usabilidade.
  • Manter unha disciplina e un horario. 
  • Tamén sair a dar unha volta de vez en cando.

Algo que deixes no tinteiro e queiras comentar?

Non se me ocurre nada. Foi interesante a entrevista. Moitas grazas e un saúdo.

Se ti tamén es desenvolvedor Android podes contactar connosco a través de android(at)mallando(dot)com

Sobre o autor

Reply