Probamos o Sony Xperia T, o móbil de Bond, James Bond

Até non hai moito tempo, as pelis de James Bond eran espazos nos que viamos tecnoloxía futurista que parecía imposíbel. Quizais nos últimos tempos avanzamos tanto como para superar á ficción e por iso xa temos entre nós o smartphone que gasta o Axente 007, un flamante Sony Xperia T, que puidemos probar estes días pasados.

O Xperia T é o actual dispositivo (á venta) de referencia de Sony, toda unha máquina que chega para xogar na liga dos máis grandes. Pasemos a velo polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións.
O deseño deste novo terminal muda as últimas tendencias de Sony de incluír unha liña transparente na parte inferior, malia que conserva uns cortes rectos moi estilosos, cun pequeno salto na parte inferior que lle dá un acabado moi elegante.

No lateral dereito sitúase o botón de acendido, os de volume e un acceso rápido á cámara, ademais dunha tapa que agocha o espazo para a microSIM e a microSD. O lateral contrario acolle o conector microUSB, unha situación un tanto incómoda se precisamos usar o terminal mentres está a cargar, por exemplo.

Na parte dianteira temos, ademais da pantalla, unha cámara de 1,3 megapíxeles. Destaca a ausencia total de botóns físicos para o manexo, que pasan a integrarse no software (en certa medida cumprindo as recomendacións da propia Google). A parte traseira está presidida pola cámara principal e o flash LED, ademais do altofalante e xa na parte superior nos atopamos o conector jack 3.5 para audio.

Resulta tremendamente compacto, cómodo e dá sensación de robustez, aínda que nisto seguro que xoga moito ao seu favor que non teña parte traseira extraíbel, polo que no caso de caer non sairían tapa, teléfono e batería voando cada un polo seu lado.

En canto a conectividade destaca a inclusión de DLNA e WiFiDirect, ademais de ter chip NFC. .
Pantalla
O Xperia T vai na liña dos terminais con pantalla grande, neste caso de 4,55 polgadas e resolución 720 x 1280 píxeles (323 PPI). Incorpora unha capa de protección antirrabuñadas (e anti pequenos golpes) e un brillo que fará que a experiencia de uso en exteriores e con incidencia da luz directa sexa fantástica.
Sistema operativo
No momento de probalo contaba con Ice Cream Sandwich, mais como xa anunciamos hai uns días xa ten liberada a actualización a Jelly Bean. Incorpora ademais unha capa de Sony, que se ben non é demasiado invasiva tampouco incorpora nada realmente destacábel ou diferenciador, mais aló de configuracións de diferentes “temas” (que mudan fondo de escritorio, pantalla de bloqueo e melodías de vez) ou algún que outro widget.

Agora ben, conta con algo que nos pareceu moi funcional: miniaplicacións que podemos despregar sobre calquera pantalla, como unha calculadora ou reloxo mundial. Ademais, Sony ten na Play Store outras (supoñemos que irán ampliando o número co paso do tempo) para que poidamos engadir algunha que outra funcionalidade a maiores, sen duda o aspecto máis interesante.
Cámara
Mención aparte merece a cámara. Como sabedes, Sony é o fabricante que corta o bacallau neste tema. No caso do Xperia T falamos dunha cámara principal de 13 megapíxeles con resolución de 4128 x 3096 píxeles.
Dispón de diferentes modos, un pouco na liña do que ofrecen todos os dispositivos de gama alta hoxe en día, mais a diferenza con outros terminais está na calidade dos resultados, ao noso parecer mellores neste dispositivo.

A cámara  frontal é de 1.3 megapíxeles, mais normaliña, e que cumpre coa súa funcionalidade.

Batería
E de parabenizar a Sony pola cámara pasamos a darlle un tironciño de orellas pola batería. Incorpora unha cunha capacidade de 1850 mAh. A nós, que andamos trebellando todo o día co smartphone, durábanos até as 20 – 21 horas, mais ou menos comos os HTC novos e bastante por baixo dos Samsung de gama alta. Vamos, que un usuario normal pode chegar ao día e medio de uso e un máis avanzado máis ou menos acaba o día.

Cómpre lembrar que non se trata dunha batería extraíbel, polo que non podemos ter unha de reposto que mudar con tan só quitar a tapa traseira do terminal. 

Conclusións
Igual sorprende que entre as características técnicas dun terminal de gama alta como este non falemos dun procesador quadcore. E é que o Xperia T incorpora un Qualcomm MSM82260A Snapdragon a 1.5 GHz dual-core, aínda que o rendemento é practicamente comparábel neste dispositivo. Trátase dun terminal que vai moi fluído e cuns lags de salto ínfimos.
Poderíase botar de menos a existencia de diferentes versións segundo a capacidade de memoria interna (16 GB), mais cómpre lembrar que ten espazo para microSD que permite aumentar en 32 GB extra a súa capacidade de almacenaxe.
Concluíndo, podemos afirmar que se trata dunha das mellores alternativas en terminais de gama alta que temos hoxe en día no mercado, unha aposta segura pola calidade e o deseño elegante.

O Xperia T pódese mercar en diferentes tendas en liña desde 450 € na súa versión libre. Ademais, operadores como Vodafone ou Yoigo téñeno incluído nos seus catálogos de subvención/financiación

Sobre o autor

Reply