Coñecendo os desenvolvedores: Daniel Díaz De La Iglesia

Hoxe falamos con Daniel Díaz De La Iglesia.
[Androficha]
Cóntanos, como te chamas?

Daniel Díaz De La Iglesia

E de onde es?

Ourense, aínda que vivín máis de 15 anos na Coruña; aló fun facer a carreira de Informática, e despois comecei a miña etapa profesional.  Uns din que un é de onde pace, non de onde nace, así que no meu caso, teño o corazón dividido 😀

Desde hai un ano, estou vivindo e traballando dende Barcelona, ainda que vou de forma periódica a Galicia.

Algún lugar onde saber máis de ti?

Podedes ver o meu perfil en LinkedIn para saber un pouco da miña carreira profesional. Ademais, na páxina da miña empresa, NeoBitStudio, podedes facervos unha idea de a que me adico e en que aventuras ando metido 🙂
[Entrevista]

Canto tempo levas facendo cousas para Android? Como comezaches?

Levo desde mediados do 2010; empecei por curiosidade, pois a informática aparte da miña profesion é o meu hobbie e cando atopei unha excusa para facer algo en Android, empecei. Logo tocoume facer unha aplicación para un cliente, Artesáns de Galicia, que xeolocalizaba talleres artesanais, e desde entón xa me enganchei! 
Fas aplicacións para outros sistemas operativos? Cales cres que son as vantaxes de facer cousas para Android? Cales as de outros sistemas operativos?
Fago aplicacións para outros sistemas operativos, pois tamén fago proxectos en Java, e proxectos en Web (usando Drupal), estes ultimos moitas veces relacionados con dispositivos móbiles (webservices que proporcionan a información que os móbiles reciben). 
A vantaxe de facer cousas para Android é que é OpenSource, e son un gran defensor desa filosofía, ademáis, a linguaxe é Java, o que me permitiu meterme de forma moi rápida en facer aplicacións para Android. 
Principalmente, programo para Android no respecto a sistemas operativos móviles, pero tamén teño feito cousas para iOS e Blackberry, ainda que para esta última, simplemente portando as aplicacións Android (para a tablet e para Blackberry 10). 

Que smartphones, tablets ou outros gadgets Android tes?
Teño poucos, sobre todo pra probar as aplicacións que desenrolo en diferentes dispositivos: Nexus 7, LG Optimus 2X e HTC Legend.
Ademais tamén teño dúas Blackberry Playbook, que permiten executar aplicacións Android.

Cales son as túas oito aplicacións imprescindíbeis ou favoritas? (non valen as propias!).

Para desenrolar, uso de cando en cando Alogcat para exportar logs, aínda que con Eclipse váleme para solucionar a maioría dos problemas.
O resto, ademais das típicas de Google, como Google Maps, e das redes sociais (Twitter…):
  • Exploradores de ficheiros (como Es Explorador de Archivos).
  • Suite ofimatica: Kingsoft Office.
  • Gasolineras de España, de Mobialia, unha empresa galega que está a facer cousas moi interesantes.
  • FBReader: Un estupendo lector de epub, fb2, etc.
  • 2X Client RDP: Pra administrar servidores mediante escritorio remoto cando me atopo lonxe dun ordenador e necesito conectarme.
  • Skype
  • Ubuntu One Files e Dropbox pra transferir ficheiros

Cales son, ao teu entender, os principais retos de Android para os próximos meses ou anos?

Para min o principal é conseguir que non haxa tantas versións de Android no mercado, que haxa móbiles con ROM’s antigas, tal como é o caso do meu LG Optimus 2X. Está claro que Google non debe controlar o mercado, pois ao final Android ten que ser libre, pero sí debería dicir cales son os “certificados” por el, que dalgunha maneira se aseguren un soporte adicional e unha politica de actualizacións constante. Neste sentido, o Nexus 7 é un bo exemplo.

Pódese vivir de facer aplicacións para móbiles?

Pódese vivir de facer o que a un lle gusta, pois cando un se divirte co que fai, bótalle un plus de esforzo, e os resultados acaban saíndo. Isto non é distinto que de calquera outra rama da informática, dá igual facer aplicacións para Android que aplicacións de escritorio, con que un sexa profesional en todo momento, os éxitos acaban chegando.
Que lle recomendarías a alguén que quere comezar a programar en Android?

Se vén do mundo Java, dicirlle que o paso é inmediato, así que non lle costará moito. Independientemente diso, calquera que se poña a programar en Android recomendaríalle acceder a sección de desenvolvedores de Android, pois aló hai moita documentación. Aquel que empece a programar en Android, e queira sacar unha aplicación na Play Store, que non teña ese primeiro impulso de publicar aplicación sen que esté madura, que non chegue á tenda con erros ou deficiencias, pois os usuarios son esixentes, como ten que ser.
Tamén lle recomendaría acudir a eventos onde poida coñecer a experiencia doutros programadores. Un bo exemplo foi o MobileconGal do ano pasado.

Se ti tamén es desenvolvedor Android podes contactar connosco a través de android(at)mallando(dot)com

Sobre o autor

Reply