Analizamos o Vodafone Smart Chat

A análise que vos traemos hoxe é a dun dispositivo de entrada que vemos moi interesante para o público adolecente (toma topicazo) “enganchada” ao Whatsapp e redes sociais e dun perfil maioritariamente de cartón prepago. Falamos do Vodafone Smart Chat.
Fabricado por ZTE para Vodafone, o Smart Chat está dominado polos botóns físicos. A continuación comezamos a análise máis detallada do aparello:
Deseño, acabado e conexións
A vista frontal do terminal lémbranos a característica máis coñecida das BlackBerrys, o teclado qwerty físico, que permite escribir a boa velocidade. Tamén destaca que os catro botóns típicos de Android (casa, menú, retroceso e busca), así como un botón central a modo de “ok” son tamén físicos.
Na parte traseira está a cámara de 3 megapíxeles, no lateral esquerdo os botóns de volume, no dereito a entrada de microUSB (carga / transferencia de datos) e xa na parte superior o botón de acendido e o jack 3.5 de audio.
En canto á calidade dos acabados, a fabricación de todas as cubertas é totalmente de plástico e quizais na parte posterior teñamos unha sensación de “reguleiro”. Polo demais, como vedes, non destaca por contar con infinidade de conexións por unha razón obvia, o aforro en hardware.
Pantalla
A pantalla é unha TFT de 2,4 polgadas e cunha resolución de 320 x 240 píxeles. É totalmente táctil, e non xiratoria (é dicir, sempre veremos, por exemplo Twitter, en vertical). Como podedes imaxinar, o teclado nunca aparece en pantalla, pois sería unha perda de recursos.
Sistema operativo
Este terminal vén con Android 2.3.6 (Gingerbread) e, debido ás súas características, non será actualizábel a posteriores versións de Android. Isto non é negativo, posto que é un terminal para un público que non vai estar preocupado por estes temas e que quere algo que lle sirva para chamar, mensaxear e redes sociais. Nada máis.
Vodafone, pola súa parte, ao igual que xa comentamos cando falamos do Vodafone Smart II, introduce unha serie de aplicacións pensadas nos clientes da operadora británica.
Cámara
O Smart Chat dispón unicamente de cámara traseira, de 3 megapíxeles e sen flash. Conta cun pequeno espello para verse ao facerse “autofotos”. Nada especialmente destacábel da mesma, cumpre.
Batería
A batería é de 1100 mAh, e aínda que poida parecer pequena, é máis ca suficiente. O feito de que se lle dea moito uso durante a escrita ao teclado no canto de facelo na pantalla, ou tamén o tamaño da mesma, fai que o rendemento neste senso sexa elevado.
De feito é doado chegar aos 3 días de autonomía, algo impensábel na meirande parte dos smartphones actuais.
Conclusións
Como xa fomos avanzando durante o artigo, estamos analizando un terminal sinxelo, pensado para un público bastante específico. O seu procesador de 800 MHz é suficiente para poñer en funcionamento o hardware do terminal sen que teñamos lags ou sensación de lentitude.
A memoria interna (110 MB) tamén chegaría para as aplicacións que nós lle instalaríamos (Twitter, Facebook, Whatsapp…), e admite tarxetas microSD de até 32 GB, polo que non sería problema poder sacar cantas fotos quixéramos.
En resumo, podemos concluír que é un terminal que cumpre e que ten un rendemento bo, sempre e cando estemos dispostos a aceptar as súas limitacións.
O Smart Chat pódese conseguir desde 49 € en prepago en Vodafone.

Sobre o autor

Reply