Analizamos a Samsung Galaxy Camera: algo máis ca unha cámara compacta

É complicado definir a Galaxy Camera. Desde logo non é un teléfono, pero pode recibir sms, e crédenos que se nos fixo raro. Vale, é unha cámara compacta, pero conectada á rede móbil. E iso é imprescindíbel? Pois na era na que estamos, da Internet 3.0 (“a Internet das cousas”), poderíamos dicir que é case que obrigatorio.

 

Desde Samsung observaron a tendencia dos usuarios dos seus smartphones, cada vez máis interesados nas características fotográficas: buscamos terminais potentes pero que “saquen boas fotos” e compartir “momentos”. O aquí e o agora. E basicamente iso é unha Galaxy Camera, un dispositivo conectado centrado na calidade fotográfica.
Deseño, acabado e conexións
O primeiro que nos chamou a atención a coller a cámara da caixa foi o seu tamaño e o seu peso (300 gramos), acostumados a eses smartphones de pantalla enorme e peso pluma. Pero é unha sensación que se evapora ao ver a lente coa que conta.
Vista de fronte, a cámara lémbranos ás compactas de carrete, pois se na parte frontal esquerda ten a súa lente, a dereita ten esa forma abultada que caracterizaba as cámaras de película.
No lateral dereito sitúase un botón que desprega un potente flash na parte superior, ademais do altofalante. No lado contrario a saída de jack 3.5 e o agochado conector microUSB por onde poderemos cargar a batería ou acceder á memoria.

 

A parte superior queda reservada para o citado flash, o botón de acendido e o de disparo; neste último tamén se inclúe o zoom de roda tradicional neste tipo de dispositivos. Xa na parte baixa temos o accedo ao microHDMI, á tarxeta microSD, batería e microSIM.
O apartado de conexións é o típico nun smartphone de gama alta: WiFi, WiFi direct, NFC, 3G… cómpre sinalar que non é obrigatorio terlle posta unha SIM, pero claro, é aí onde máis partido lle sacamos ao tema.
Pantalla
 
A pantalla é unha LCD HD Super Clear de 4,8 polgadas, con resolución 1280 x 720 (308 ppi). É grande, algo que se agradece á hora de comprobar como quedaron as imaxes que tomamos con ela. A sensación táctil (o tacto) é lixeiramente diferente ao dos smartphones, imaxinamos que polo acabado.
Sistema operativo
No momento de probala contaba con Android 4.1.1 (Jelly Bean), pero estase a actualizar a 4.2, polo que é cuestión de que chegue. Resultará interesante esta actualización porque, entre outras cousas, inclúese Photosphere, a característica que probamos cando fixemos a análise do Nexus 4.Polo demais, súmanse ás “intrusións” típicas de Samsung ao sistema operativo de Google diferentes ferramentas orientadas á edición de fotografía, como tamén pensando na súa compartición. Todas elas veñen situadas, inicialmente, na pantalla principal:

 

Cámara
Dos detalles técnicos da cámara destacar que falamos dunha resolución de 16 megapíxeles, con zoom óptico 21x, flash xenon e varios modos de disparo. Tamén grava vídeo, con calidade 1920 x 2080 e 30 fps.

Desde o momento de acender o dispositivo xa se nos abre o modo cámara, pois pensemos que esta é a súa función principal. Xa que logo, apareceranos un botón de pantalla de acceso rápido á toma de fotografías, outro ao vídeo e outro para escoller diferentes modos.

Unha vez sacada a foto podemos mellorala a través do Asistente de fotografía ou de calquera outra  aplicación de tratamento de fotografía que nos guste. Desde logo esta é unha das grandes potencialidades da Galaxy Camera, posto que na Play Store (e noutras tendas de aplicacións) atopamos centos de ferramentas de tratamento fotográfico con moitas potencialidades.

Para as persoas máis expertas en fotografía existe o modo experto, no que se pode variar a exposición, o brillo, a apertura… para conseguir uns mellores resultados.

Deixámosvos unhas mostras de imaxes tomadas coa Samsung Galaxy Camera, podedes ver máis no noso perfil do Google+

Batería

A batería é de 1650 mAh. Antes de probala pensabamos que lle ía ser xusta, pero sorprendeunos positivamente. Cando non se usa pasa a un estado “durmido” que aforra enerxía e nas viaxes nas que se anda sacando fotos continuamente aguanta perfectamente. Ademais, a carga é sorprendentemente rápida, polo que non é a autonomía non é ningún problema.
Conclusións
A potencia do seu procesador, un catro núcleos a 1,4 GHz faise notar na fluídez e rapidez con que funciona todo. Dispón de 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna, quizais algo escaso a priori, xa que estamos a falar dun dispositivo de xeración de multimedia de calidade e, ligado a iso, tamaño. Pero cómpre lembrar que ten espazo para tarxeta microSD de até 32 GB, polo que na práctica non teremos problema de espazo.A facilidade de uso, as posibilidades de edición in situ e de compartir no momento son para nós os puntos máis fortes desta cámara Android, que supoñemos que será das primeiras de moitas que están por vir. De seguro que dispositivos con lentes intercambiábeis serán o seguinte a paso a dar neste novo sector de gadgets.

A Galaxy Camera pódese adquirir en númerosas tendas en liña e físicas por 499 €.

Sobre o autor

2 Comments

  1. profedelingua 21 Xaneiro, 2013 Responder
  2. Iago Varela Martínez 21 Xaneiro, 2013 Responder

Reply

Deixa una resposta a Iago Varela Martínez Cancelar a resposta