Analizamos o LG Optimus L3, un terminal para iniciarse con Android

Hoxe traémosvos unha nova análise dun dispositivo da liña L-Style de LG, concretamente o L3, tras ter pasado polas nosas mans o L5 e o L7 (nos  vindeiros días falaremos do L9).

Trátase do terminal máis económico de todos, de características básicas e reducido tamaño, pensado para usuarios básicos que queren un teléfono con “algo máis”.
Deseño, acabado e conexións
Seguindo a liña marcada pola compañía coreana, o L3 repite as formas cadradas e a inclusión dun botón físico na parte frontal central. Os acabados son en plástico, rugoso na parte traseira, e rodeando todos os laterais ten unha banda metálica, que lle dá un aspecto de maior calidade.

Como comentabamos ao comezo, estamos a falar dun terminal de reducidas dimensións (102,6 x 61,6 x 11,7 mm) e dotado das conexións/sensores básicas en calquera Android (microUSB, WiFi, GPS…).
No lateral esquerdo sitúanse os botóns de subir e baixar volume, quedando o dereito totalmente libre. Na parte superior atópase o botón de acendido así como tamén o conector de jack 3.5 mm. A parte inferior queda reservada unicamente para o microUSB.
Pantalla
A pantalla do L3 é de 3,2 polgadas, cunha resolución QVGA (320 x 240 píxeles). O máis chamativo da mesma é que resulta moito máis cadrada das habituais pantallas alongadas, por adaptarse ao tamaño compacto do terminal. Isto en certa maneira limita a visión nas redes sociais ou webs, ao ter que facer demasiado scroll.

Malia ser un panel de non grandes características, consegue unhas cores bastante vivas, grazas a un bo brillo, que tamén lle dá boa visibilidade en entornos exteriores.
Sistema operativo

Como sistema operativo incorpora Android 2.3 Gingerbread, que non será actualizábel. Esta limitación débese a que é unha versión que rinde moi ben en dispositivos con características técnicas básicas. Ademais incorpora unha capa de personalización de LG, non demasiado invasiva.


Cámara


A cámara ten un sensor de 3 megapíxeles, sen flash, o cal é unha limitación importante. Así que, como podedes imaxinar a súa inclusión é puramente “cumplidora”.
Batería

A batería é de 1500 mAh, que supera en autonomía práctica á meirande parte de dispositivos, chegando a durar 2 días sen moito problema. Isto ten a súa explicación por ter unha pantalla pequena.
Conclusións

O L3 cumpre todas as características de “básico”: o procesador é mononúcleo a 800 MHz, ten 348 MB de memoria RAM e uns escasos 150 MB para aplicacións. Ademais dispón de 1 GB de memoria interna para outros cometidos e ranura microSD, co que se pode aumetnar o espazo.
Polo tanto, este terminal está orientado a un público pouco esixente e iniciador. Recomendaríamolo para xente que use as funcións habituais dun teléfono e aplicacións de comunicación tipo Whatsapp ou consultas puntuais de mapas e/ou Internet. Quen vaia facer un uso máis intensivo do terminal (redes sociais, correo electrónico, fotos…) sentirase limitado.
A súa principal baza é o prezo, xa que se pode adquirir por uns 100 € en tendas como Amazon. R, quen nos prestou este dispositivo para facer a análise, ofréceo a 0 € para consumos de 9 €/mes.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Iria 24 Xullo, 2013 Responder

Reply