Lamentabelmente, as distribucións de terminais Android non sempre son globais. Queremos dicir con isto que en ocasións vemos dispositivos que teñen moi boa pinta pero logo non aparecen no mercado europeo, por exemplo.
Isto débese dunha banda ás tecnoloxías que se empregan (por exemplo, coas redes LTE aínda por desplegar non tería moito senso comercializar terminais LTE aquí) ou aos hábitos de consumo. Neste senso, Xapón semella ser o lugar no que atopamos os gadgets máis extrafalarios.
Un exemplo diso é o novo terminal de NEC, Medias W, un smartphone cuxa principal característica é que vén dotado de dúas pantallas, cada unha delas de 4,3 polgadas. Funcionando xuntas conseguen un tamaño de 5,6 polgadas, xa que poden funcionar como se fosen unha única, dando lugar a algo máis parecido a un tabletphone ca un smartphone en si.
Cando teñen funcionalidades diferentes pode actuar unha como teclado completo e outra como pantalla, polo que non sufriremos o recurte en pantalla que temos nos smarphones de hoxe en día, nos que ao despregar o teclado vemos mermado o tamaño útil da mesma.
Polo demais, as características son as habituais dos dispositivos de gama alta: procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD (máximo 32 GB) e a cámara de 8 megapíxeles.
A batería é de 2100 mAH e incorpora Android 4.1 Jelly Bean. Comercialízase unicamente no Xapón da man de NTT Docomo.