Analizamos o LG Optimus L9

Xa falamos do L3, do L5, do L7… e hoxe tócanos pechar o círculo falando do máis grande da familia L Style, o Optimus L9.

Deseño, acabado de conexións
As liñas de deseño son compartidas cos terminais da gama L-Style: predominan as formas cadradas e a ausencia de botóns na práctica totalidade da parte frontal, se ben é certo que conserva o botón central a modo de “ok”.
Tamén se diferenza dos seus irmáns na situación de certos botóns e conectores. Deste xeito, no lateral esquerdo sitúanse os botóns de control de volume e no dereito o de acendido. A parte superior acolle o conector jack de 3.5 para audio e o inferior o microUSB.
Dispón tamén de conector NFC, que ao igual que pasaba no L7 queda situado na tapa traseira cubrebatería.
Pese ao gran tamaño da súa pantalla, 4,7 polgadas, o L9 non resulta para nada pesado nin groso (9,1 mm).
Pantalla
Tal e como comentabamos antes, a pantalla sitúase nas 4,7 polgadas. É grande, si, pero manexábel perfectamente cunha soa man. A resolución é QHD de 960 x 590 píxeles; neste senso nótase unha mellora en densidade de píxeles con respecto ao L7 que analizamos anterioremente. 
Malia todo, o punto máis forte da pantalla do L9, como xa nos ten acostumados LG, a calidade do brillo que permite que visualicemos sen problema a pantalla en calquera condición de luminosidade, interiores ou exteriores.
Sistema operativo
Conta con Android 4.0.4 (Ice Cream Sandwich) como versión do sistema operativo e, aínda que non se confirmaron datas, imaxinamos que será actualizábel a Jelly Bean nos próximos meses. Pero quizais o máis destacábel neste sentido sexa a inclusión das ferramentas QuickMemo, QuickTranslator, My Style Keyboard, dos que xa vos falamos nesta outra entrada. Todas elas son ferramentas incluídas polo fabricante para facilitar diversas accións aos usuarios.
Cámara
A cámara ten un sensor de 5 megapíxeles e grava vídeo en HD a 1080p. Tamén dispón dunha cámara frontal, neste caso unha VGA. Os resultados son aceptábeis, tampouco nada do outro mundo, pero bastante decentes.

Destaca a posibilidede de activación da cámara por comandos de voz. Escóllese a través dos menús da cámara e permiten que o dispositivo nos saque unha foto ao dicir unha das 5 palabras “clave” que utiliza.

Batería
Seguramente a duración da batería sexa un dos puntos máis fortes deste terminal. Dispón de 2100 mAh de capacidade, bastante superior aos terminais da mesma gama. Na práctica, dura día e medio cun uso intensivo do terminal, algo moi a ter en conta en relación con outros terminais da competencia.
Conclusións
En termos xerais, as nosas impresións con este terminal son positivas. Corrixe varias das pegas nas que ao noso entender incurría LG nos outros terminais da liña L-Style e consiguen con el poñer de forma accesíbel un terminal con varias características reservadas aos tope de gama (pantallas grandes, mellores baterías…).
Peca un pouco de falta de potencia; conta cun procesador de dobre núcleo de 1 GHz que queda algo escaso cando se lle pide celeridade. Así mesmo, en certas ocasións atopamos un lag algo longo de máis para o acceso aos menús de aplicacións.
A memoria interna é de 4 GB, suficiente para a maior parte dos usuarios. De todos os xeitos, para quen precise máis, pode adquirir unha microSD de até 32 GB, que é o máximo admitido.
O L9 pódese adquirir no mercado libre por uns 379 €, un prezo máis que atractivo para as características do mesmo.

Sobre o autor

Reply