Análise do Huawei Ascend G300

O último terminal en pasar pola nosa mesa de análise é o Huawei Ascend G300, un dispositivo da chamada gama media que resulta económico e dá bastante xogo.
Deseño, acabado e conexións.
A mellor definición sobre o deseño de Huawei é que se trata de un terminal normal. É dicir, non supón unha revolución en canto a deseño que o faga particular, nin resulta máis ou menos bonito que outros. O que si, atopamos un aproveitamento do espazo, disfrutando, por exemplo, de máis pantalla ca noutros dispositivos do mesmo tamaño e gama, algo que sen dúbidas é de agradecer.
Malia que os botóns de menú, casa e atrás son táctiles pero físicos, non sobresaen do deseño da parte frontal. Se nos pasamos a descubrir o que atopamos arredor do dispositivo veremos que no lateral esquerdo están as teclas de volume, na parte superior o botón de acendido e o jack de audio 3.5 e na parte inferior o microUSB. Nada hai no outro lateral, mentres que a parte traseira queda reservada para a cámara con flash LED, o altofalante e un pequeno micrófono cancelador de ruído.
Existe unha versión modificada deste terminal que conta con NFC, a través dun chip na tapa da batería, pero non é o caso.
Pantalla
O G300 incorpora unha pantalla de 4 polgadas e resolución WVGA (800 x 480 píxeles), dotada de tecnoloxía IPS e Gorilla Glass para evitar rabuñadas e pequenos golpes. Dispón dunha boa xestión do brillo para aumentar a visibilidade en espazos con bastante luz incidente, aínda que por baixo doutros fabricantes como LG, pero a cambio ás veces non responde ao paso liviano do dedo, é dicir, hai que “tocar” e non “pasar por riba” o dedo.
Sistema operativo
O terminal probado dispuña de Android 2.3.6 (Gingerbread), aínda que xa hai liberada a actualización oficial a Ice Cream Sandwich (4.0), que sen dúbida sirve para sacarlle moito máis partido a un terminal que pode dar bastante de si.
Inclúe ademais a capa de personalización típica de Huawei, que “acuadra” as iconas, muda a pantalla de bloqueo, incorpora un teclado diferente e introduce algún que outro widget característico, pero non aplicacións realmente novidosas ou relevantes.
Cámara
A cámara é de 5 megapíxeles con flash LED, e carece de cámara frontal. Non resulta especialmente destacábel, simplemente cumple coa súa función, aínda que o seu enfoque é bastante rápido.
Batería
A batería é de 1500 mAh e o certo é que moi ben aproveitados. Incorpora no seu software varias ferramentas que facilitan o aforro mellorando notabelmente a autonomía, podendo chegar sen problemas aos 2 días de duración.
Conclusións
O seu procesador de 1 GHz abóndalle para funcionar con plena fluídez, destacando a ausencia de lags de resposta. A memoria interna é de 4 GB, aínda que conserva apenas 2,5 dispoñíbeis para o usuario. Na meirande parte dos casos non teremos problema e serán suficientes, ademais de que poderemos introducir unha microSD de até 32 GB. A RAM si que resulta algo xusta, 512 MB, o que impedirá que poidamos traballar con moitas aplicacións abertas á vez, algo que tampouco resulta un problema para a o usuario medio.
Resumindo: pantalla grande, funcionamento fluído, cámara media e boa autonomía, un terminal interesante para xente moi conectada e cun uso normal (correo, redes sociais, algún que outro xogo, …). R, a operadora que nos prestou un dispositivo para poder probalo, comercialízao desde 0 €

Sobre o autor

Reply