Poucas sorpresas nos deixou hoxe o lanzamento do novo terminal de referencia de HTC, máis aló de aclararnos cal vai ser o nome definitivo: HTC One.
Os rumores fóranse cociñando pola rede, aderezados de numerosas doses de filtracións que hoxe convertéronse en realidade. Deste xeito confírmanse unhas especificacións máis que envexábeis e que poñen o listón moi alto para o resto de fabricantes.
Así, o novo HTC dispón de pantalla Full HD de 4,7 polgadas cunha densidade de 468 ppi, procesador de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, segundo versións. A batería é de 2300 mAh e dispón de son Beats Audio, como nos anteriores membros da familia One.
Pero tamén incorpora dobre micrófono para mellorar a captación de son, tanto cando falamos como cando gravamos audio, ademais de porto infravermellos para poder usar o teléfono como mando para para a televisión e NFC, unha tecnoloxía que día a día está a gañar máis importancia como método de identificación ou pagamento.
A súa cámara é 13 megapíxeles, e tal e como adiantamos en Mallando no Android está composta por 3 sensores de ultrapíxeles de 4,3 megapíxeles cada un, un por cor cada cor primario. Tamén dispón de cámara frontal, neste caso de 2 megapíxeles. Así mesmo, introdúcese HTC Zoe, unha nova galaería de imaxes e moitas outras novidades en canto a edición e compartición.
Vén con Android Jelly Bean e interface Sense. Estará dispoñíbel desde o 8 de marzo por 650 €.