Alcatel tirou a casa pola ventá neste Mobile World Congress presentando unha cantidade inmensa de dispositivos, segundo afirman para dar aos usuarios a mellor oferta posíbel, xa que cada un está pensado para un tipo de usuario concreto.
Smartphones, tabletphone, tablets… de todo hai no renovado portfolio de Alcatel. Trataremos de resumirmos as características de todos eles neste post.
Smartphones
Comezando polos smartphones, a familia One Touch incorpora novos membros, todos eles dispoñíbeis nun gran abano de cores, algúns dos cales xa foron desvelados.
OT Idol X
O Idol X ten unha gran pantalla de 5 polgadas AMOLED Full HD. O seu procesador é de 1,5 GHz e catro núcleos, a RAM de 2 GB e a memoria interna de 16 GB (ampliábeis por microSD). Incorpora dobre cámara (8 e 2 MP) e a versión máis recente de Android, Jelly Bean 4.2
OT Idol Ultra
O Idol Ultra é un dos terminais máis delgados do momento, con 6,45 mm de espesor. Conta cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla AMOLED de 4,7 polgadas con recubrimento anti pegadas e repelente ao pó e dobre cámara (8 e 1,3 megapíxeles)
Vén con Android 4.1 e está dispoñíbel en varias versións segundo a memoria interna (8, 16 ou 32 GB), sempre ampliábeis por microSD noutros 32 GB extra, pero sempre con 1 GB de RAM.
OT Idol
Á pantalla de 4,7 polgadas que incorpora este terminal hai que engadirlle un procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, dobre cámara (8 e 2 MP), RAM de 1 GB e outros 4 GB de memoria intena ampliábeis por microSD.
Vén con Android Jelly Bean 4.1 e as cores nas que está dispoñíbel son plata, rosa “cranberry”, gris, vermello, azul claro e verde menta.
OT Star
A principal baza deste terminal é a súa pantalla, AMOLED de 4 polgadas. Ten procesador de dobre núcleo a 1 GHz, cámara de 5 megapíxeles, son con HD surround. A RAM é de 512 MB e a memoria interna de 4 GB
Está dispoñíbel en negro, vermello, amarelo, turquesa, verde e rosa e vén con Android 4.1 Jelly Bean.
OT Snap / Snap LTE
Finalmente, os 2 terminais Snap, diferenciados basicamente pola súa capacidade 4G ou non, destacan polo seu procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla de 4,6 polgadas e a dobre cámara (de 8 e de 2 megapíxeles).
A versión 3G estará dispoñíbel en cor prata, azul e branco, mentres que a 4G estaráo en negro, azul, vermello metálico e branco.
Tabetphones
Non podía faltar un tabletphone no catálogo do fabricante francés. E como aquí prima a cantidade, volvemos ver varias alternativas.
OT Scribe Easy
O primeiro deles é o Scribe Easy, que incorpora unha pantalla de 5 polgadas e un lápiz que axudará á hora de tomar notas, ademais de incluír recoñecemento de escritura e fórmulas matemáticas, aínda que moi lonxe da suite incluída na Galaxy Note.
O seu procesador é un dual core de 1,2 Ghz, dispón de cámara de 5 megapíxeles e frontal VGA. E un dato interesante, incorpora a carcasa protectora no mesmo pack de venda.
OT Scribe HD
Cun procesador de 4 núcleos a 1,2 GHz, a Scribe HD mellora as características técnicas da Easy mantendo o tamaño de pantalla. Así, ademais dun mellor procesador, tamén incorpora novas funcionalidades como WiFi Display, mellor cámara (8 megapíxeles e VGA) e algunha que outra pequena cousa.
Está dispoñíbel en tres cores: vermello, amarelo, branco e negro.
Tablets
Finalmente, toca falar das tablets, nas que distinguimos 2 grupos:
OT TAB7 / TAB7HD / TAB8HD
A primeira das familias de tablets presentadas destaca pola presenza de tres dispositivos WiFi, dous de 7 polgadas e un de 8, pero todos eles compartindo a versión de Android Jelly Bean.
Así, a TAB7 é a máis básica e con menos funcionalidades, dispondo dun procesador mononúcleo de 1 GHz como principal característica técnica. A súa irmá xemelga maior, a TAB7HD mellora o procesador, incorporando un dual core a 1,6 GHz, ademais de dobre cámara (2 e 0,3 megapíxeles) e, finalmente, a TAB8HD repite as característiccas da TAB7HD pero cun pouco máis de pantalla.
OT EVO7HD
Doutra banda está a EVO7HD, unha tablet de 7 polgadas que admite un módulo (que se pode vender no mesmo pack ou por separado) que permite dotar á tablet de conectividade 3G ou 4G, ademais da WiFi que xa lle vén de serie. Pero iso non é a única diferenza co resto de tablets presentadas, xa que tamén destaca o seu deseño máis compacto.
O resto de características técnicas son semellantes: procesaor a 1,6 GHz de dobre núcleo, dobre cámara (3 e 0,3 MP), 1 GB de RAM 8 GB de memoria interna e a posibilidade de expansión con tarxetas micro SD.
Como vedes, alternativas non faltan. Agora toca poñerse a decidir que precisamos e que non para poder decidirse por un ou outro dispositivo.