Samsung S IV, que sabemos del até o de agora?

Unha semana, iso é o que falta para que descubramos o novo Samsung Galaxy S IV, o que será o novo smartphone de referencia de Samsung para o 2013. E unha vez máis, tal e como aconteceu co S III, as espectativas son enormes, xa que Samsung adoita sorprender, no sentido de marcar o camiño a outros fabricantes con funcionalidades destacadas.
Aínda que non hai nada oficial, e non será até o 14 de marzo cando todo sexa descuberto, xa hai algunha que outra filtración máis que fiábel, que pasamos a compartir nesta entrada.
Para comezar, o terminal estaría dispoñíbel en 6 versións, atendendo a cores e capacidades de memoria. Así, poderíase optar por escoller capacidades de 16, 32 ou 64 GB en dúas cores iniciais, branco ou negro. Tamén poderíamos falar de diferentes versións dacordo ao procesador, tendo en conta as compatibilidades ou non coas redes 4G estadounidenses. Na versión europea estaríamos a falar dun quad core a 1,8 GHz.
A memoria RAM situaríase nos 2 GB, case un estándar nas gamas altas deste ano. A pantalla sería unha SuperAMOLED Full HD de 5 polgadas cunha resolución de 441 ppp e contaría desde o comezo con Android 4.2 Jelly Bean, a última versión dispoñíbel do sistema operativo de Google.
No apartado de cámara estaríamos a falar dunha frontal de 2 megapíxeles e unha posterior de 13, incluíndo flash LED e gravación Full HD / HDR. Neste senso non semella que vaiamos levar moitas sorpresas con funcionalidades novas ou que non teñamos visto xa nos últimos meses noutros dispositivos.
Onde seguramente vexamos novidades é no aspecto software; segundo parece, o Samsung Galaxy S IV levaría máis aló o xa coñecido Smart Stay, que apagaba a pantalla ao non mirar para ela, para introducir Smart Scroll e Smart Pause, que permitirían facer scroll coa mirada.
Cales son para vós as principais características que debería ter o novo smartphone de referencia de Samsung? Non dubidedes en contárnolas por acó ou a través das nosas redes sociais.

Sobre o autor

Reply