As Google Glass poderán ser graduadas e xa admiten varias aplicacións

Seguimos a coñecer datos dos agardadísimos lentes de Google, ese apaixonante proxecto chamado Project Glass que semella ser un dos principais eixos de traballo dos de Mountain View.

Moita xente estaba a se preguntar se serían compatíbeis cos lentes graduados, algo que xa ten resposta por parte de Google: si, rotundamente. Segundo afirman, preto da metade da poboación emprega algún tipo de lente graduado, polo que non tería sentido unha hipotética incompatibilidade.

Doutra banda, aproveitando o SXSW, fíxose unha demo de uso, da que podedes ver unha pequena parte no vídeo do final deste artigo. Ademais, tamén se confirmaron varias aplicacións compatíbeis, como as de Gmail, The New York Times, Evernote ou Path.

  • Gmail: a aplicación de correo permite configurar diferentes notificacións de correo, indicando o asunto e a foto do remitente. Pódese facer que os lentes lean o contido da mensaxe, así como tamén se lle pode ditar a resposta.
  • The New York Times: a aplicación deste xornal amosa pequenas tarxetas con titulares, que poden ser ampliados con imaxes con tan só facer o xesto de mirar cara arriba.
  • Evernote: a adaptación desta aplicación ás Glass destaca por gardar imaxes, algo que se fai empregando a opción “compartir”.
  • Path: permite estar ao día cun sistema de notificacións sobre o que compartan os amigos neste servizo.
Como vos comentamos antes, no seguinte vídeo podedes ver un anaco pequeno da demo que fixeron. Paga a pena.

Sobre o autor

Reply