Google Reader pecha. Comentámosche as principais alternativas

Onte demos unha mala nova, o peche de Reader, o lector de RSS de Google que nos levaba acompañando nos últimos 8 anos e que moitos usamos a diario. Polo que puidemos palpar polas nosas redes sociais, o sentimento de mágoa e enfado é xeral: o servizo funcionaba bastante ben, era cómodo e case todos o usabamos.
Por que o pechan? Pois agardamos poder sabelo nos próximos días, cando alguén teña a posibilidade de coller por banda a algún responsábel de Google para entrevistalo. Mentres tanto temos a escueta información oficial: caída do uso e que se están a centrar noutros servizos.
Como entendemos que non debemos sumirnos nun drama conxunto, hoxe queremos compartir convosco algunhas alternativas ao servizo de Google.
O primeiro é o primeiro
Antes de nada, se queremos exportar os feeds que temos incluídos no noso Google Reader, debemos pasarnos por Google Takeout, desde onde poderemos baixar o contido. A continuación amosámosvos os 4 pasos que hai que seguir, no noso caso unicamente escollemos descargar o contido de Google Reader, pero pódese baixar o de diversos servizos de Google:
Unha vez que teñamos iso a bo recaudo, podemos comezar a buscar alternativas.
As alternativas
 Feedly
Seguramente sexa unha das opcións máis cómodas para un cambio pouco traumático. Trátase dunha extensión que está dispoñíbel para ChromeFirefox, Safari e, por suposto, para Android e para iOS
A aplicación de Android ofrece unha gran adaptación a diferentes tamaños de pantallas, ergo teremos unha boa experiencia tanto en tablets como en smartphones. Ademais resulta bastante visual, algo que tamén é de agradecer.
A migración é totalmente transparente, só con darnos de alta xa podemos transferir todo, conservando a agrupación por cartafoles, se é que tiñamos así organizado o noso Google Reader. De feito, desde a compañía aseguraron que non vai haber traumas de cambio para os usuarios de Reader.
Integra ademais opcións para compartitr directamente nas redes sociais (Twitter, Facebook, Google+, entre outras), ademais do envío a correos electrónicos. Tamén dispón da posibilidade de marcar favoritos e de acceder directamente á web orixinal do artigo. Ah! E todo ilo é gratuíto.
Newsblur
Seguramente sexa, despois de Feedly, unha das mellores alternativas. Emprega intelixencia software para descubrir os patróns de lectura e así amosarnos de forma destacada as historias que máis nos poden interesar. Permite importar todo de Google Reader directamente, de forma sinxela (directamente ou subindo o arquivo).
O malo é que a versión gratuíta ten certas limitacións, as máis destacadas que permite un máximo de 64 fontes e até 10 abertas a un tempo. A versión e pago fai todo iso ilimitado por 1 dólar ao mes.
Tamén conta con aplicacións para Android e iOS
Netvibes
Seguramente sexa a opción para os máis profesionais ou os que queren algo moi completo. Custa un tanto mudar o chip vindo dun produto sinxelo como Google Reader, e hai que adicar un pouco tempo a configurar e ordear widgets para adaptalo ás nosas necesidades.
Permite ademais engadir outros servizos ademais dos típicos feeds, como o tempo ou configrar buscas nas principais redes sociais. Dispón dunha versión básica gratuíta (pero que admite doazóns) e outras profesionais, mais carece de aplicacións móbiles.
The Old Reader
The Old Reader está pensado para os #vivaantes. Realmente é unha versión mois semellante á anterior de Google Reader, no que gana a sinxeleza. Vamos, que temos as opcións básicas de ler e compartir, punto.
Para levarnos os feeds que tiñamos en Google Reader debemos importalos co arquivo que obtivemos con Google Takeout. Tamén é gratuíto, pero ten o punto negativo de non contar con aplicacións móbiles, polo que todo sería a través de web.
Outras alternativas
Douta banda temos Subpug, un sinxelo lector web no que se queremos non nos temos nin que rexistrar. As opcións son poucas e, por exemplo, limita a 10 posts a lectura do feed. 
Tamén existen aplicacións de escritorio como RSSOwl, software libre que vale tanto para Windows, Linux ou Mac; Blam, Akregator ou Liferea para Linux ou FeedDemon para Windows.
En canto a aplicacións móbiles destaca Google Currents, da que xa vos temos falado no noso blogue.
Como vedes, hai unhas cantas alternativas, e estamos certos de que quedan moitas outras por descubrir, así que se queredes podedes ir comentando outras que coñezades ou descubrades para ir facendo esta entrada máis completa.

Sobre o autor

3 Comments

  1. Anonymous 14 Marzo, 2013 Responder
  2. Sergio 14 Marzo, 2013 Responder

Reply

Deixa una resposta a Anonymous Cancelar a resposta