Imaxe non real, simple concepto |
A rumoroloxía que ambientou estes días pasados non eran en ván: Samsung vén de confirmar que efectivamente está a traballar nun smartwatch, ou o que vén sendo o mesmo, un reloxo intelixente.
A idea non é nova, de feito xa hai algún tempo analizamos no noso blogue o Smartwatch de Sony, e xa comentaramos que nos parecía un produto moi interesante pero que semellaba estar algo verde para o que se agardaba del.
Agora é Samsung quen está preparando o seu dispositivo intelixente para levar no brazo e aínda que non temos nin idea de cales serán as súas características técnicas ou deseño (a imaxe é un simple concepto), podemos tratar de imaxinar que características debera ter.
Para comezar, debería ser capaz de comunicarse co noso smartphone para xestionar todo tipo de notificacións (chamadas, mensaxes, correos, redes sociais…), a reprodución de música ou controlar a nosa actividade deportiva.
Pero… pódese ir máis aló? Que características vos gustaría que incluíse? Conseguirá Samsung facer deste tipo de produtos algo imprescindíbel?