O que Mark Zuckerberg omitiu na presentación de Facebook Home

Pouco a pouca imos sabendo máis cousas sobre Facebook Home, a aposta da rede social por introducirse nos nosos Android a modo de launcher coa información que publican os nosos contactos omnipresente que foi presentada o pasado xoves.

Pero entre todo o que dixo Mark Zuckerberg “esqueceu” algúns detalles, ao noso entender bastante relevantes: falar da publicidade e da privacidade.
Como sabedes, unha das fontes principais de ingresos de Facebook é a publicidade, un negocio moi apetecíbel para quen ten unha das mellores bases de usuarios que existen. Nesta liña, desde non hai demasiado tempo, na aplicación vemos anuncios no medio das publicacións dos nosos contactos (moitas veces en forma de “páxinas suxeridas”). Que pasará con Facebook Home? Pois que, obviamente, terá publicidade.
Neste senso avánzase un paso máis, posto que, para quen use Home, Facebook estará presente sempre, independentemente do que esté a facer, o que resultará moito máis intrusivo, publicitariamente falando. Malia todo, aínda non se concretou como será esta inclusión, imaxinamos que por que nin eles mesmos terán aínda moi claro como “colala” sen que se note demasiado ou resulte molesta, algo que sen dúbida botaría para atrás a moitos posíbeis usuarios.

Doutra banda está o tema da privacidade. Como afectan o novo launcher á nosa privacidade? Aos permisos habituais que xa lle damos a Facebook co uso da aplicación (acceso a contactos, cámara, ubicación, xeolocalización, chamadas de teléfono, memoria…) deberemos engadir a monitorización das aplicacións que usemos. É dicir, Facebook saberá se usamos, por exemplo, Twitter e canto tempo o usamos, aínda que non poderá ter acceso ás mensaxes e/ou datos da conta.

Ademais, no caso de que nos fagamos cun HTC First, Facebook tamén terá acceso ás notificacións de calquera aplicación, aínda que nun post aclaratorio destas dúbidas din que só gardarán datos como a aplicación que xenere ditas notificacións, mais non as notificacións en si. Confiaremos.

Mención á parte merece o acceso á xeolocalización, posto que cando empregamos esta funcionalidade coa aplicación actual afecta unicamente afecta á hora de publicar algo, tomar fotos desde ela… sen embargo, co uso permanente de Facebook Home, como se verá comprometida a nosa privacidade espacial?

Aseguran que nada cambia neste aspecto sobre a aplicación de Facebook actual, é dicir, que unicamente terán coñecemento da nosa ubicación ao publicar algo, como até o de agora. De todos os xeitos, lembran que é un permiso desactivábel.

Que vos parecen a vós estas cuestións? Afectaravos a publicidade ou a privacidade á hora de elixir ou non usar Facebook Home?

Tedes algunha resposta máis a este tipo de cuestións na web da rede social.

Sobre o autor

Reply