Un novo terminal monstruo acaba de ser posto á venda en Reino Unido, e tamén estará dispoñíbel noutros países de Europa, incluído o noso. Trátase do B15 de Caterpillar, que en telefonía móbil é especialista en dispositivos fabricados para aguantalo todo.
Conta pantalla de 4 polgadas e resolución de 480 x 800 píxeles, que pode ser empregada mesmo coas mans molladas, ademais de ter Gorilla Glass.
O resto de características técnicas sitúano no sector da gama media-baixa, cun procesador de 1 GHz, dobre cámara (5 megapíxeles e VGA), 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD.
Pero o mellor de todo é que soporta auga e golpes, grazas aos materiais e á carcasa protetora. Tamén pode funcionar nun gran rango de temperaturas, desde os -20ºC aos +55 ºC.
No Reino Unido está á venda por 299 libras, 350 euros ao cambio. Aquí poderase adquirir nas tendas Internity, que son os distribuidores oficiais.