Probamos a tablet Energy Sistem S7 Dual

Xa había tempo que non traíamos polo blogue unha análise de produto, así que hoxe queremos falarvos  da última tablet que pasou polas nosas mans, a Energy Sistem S7 Dual, un dispositivo de baixo custe pero cunhas especificacións técnicas que están á altura.

Deseño, acabados e conexións

A tablet ten forma de bloque coas aristas laterais e superior curvadas cara a parte de atrás. A parte inferior é plana, xa que é o lugar onde atopamos a totalidade de conexións físicas das que dispón.
Así, nesta parte inferior temos un botón físico de Home, que na práctica apenas usaremos ao ter o de pantalla, o conector de 3.5 mm jack de audio, dúas entradas USB (unha miniUSB, outra USB normal),  saída HDMI de 1080p, ranura de tarxetas microSD para ampliación de memoria (até 64 GB) e o botón de acendido/apagado.

 

Como vedes, conectividade non lle falta a esta tablet, con conexión á rede unicamente por WiFi. O que si, sorprende que carece de botóns de volume físicos, sustituídos por dous de tipo software que podemos empregar coa tablet acendida.
Pantalla
Do seu nome seguramente xa teríades deducido que incorpora unha pantalla de 7 polgadas; trátase dunha TFT-LCD con relación de pantalla 16:9 e  resolución de 1024 x 600 píxeles. Permite até 5 puntos táctiles simultáneos e ten un brillo máis ca aceptábel, aínda que carece de xestión automática do mesmo.
Sistema operativo
En canto a sistema operativo, a Energy Sistem S7 Dual vén con Android 4.1.1 Jelly Bean, practicamente limpo. Unicamente personalízanse polo fabricante un par de iconas, ademais de introducir un mercado de aplicacións alternativo, ademais da Play Store oficial.

 

Cámara
Dispón de dobre cámara, a traseira de 2 megapíxeles e frontal unha VGA, pensada para vídeoconferencias. Ambas son normaliñas, é dicir, a principal non fai grandes fotos, simplemente é “cumplidora”; a dianteira está pensada para videochamadas, polo que tamén chega.
Batería
A batería é de 3000 mAh, quizais un pouco xusta, aínda que na práctica son arredor de 4 horas e media reais de navegación coa WiFi, que en reprodución de vídeo sube até as 6 horas. Ten de bo que cando apagamos a pantalla desconecta datos para aforrar, xa que nun dispositivo coma este non é algo vital a conectividade constante.
Conclusións
 
Cun procesador de dobre núcleo a 1,6 GHz, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenaxe interna (ampliábeis, como indicamos antes), esta tablet cumplirá perfectametne as funcións para quen busca un produto sinxelo no que disfrutar do seu contido multimedia ou da navegación dentro do fogar.
Moi de destacar a inclusión de Android 4.1 Jelly Bean, o que permite non só estar á última co sistema operativo, puidendo usar funcionalidades como Google Now, senón que ademais ten un maior aproveitamento do hardware.

 

Está dispoñíbel en diversas tendas, físicas e en liña, por uns máis que apetecíbeis 139 €, prezo no que ademais da propia tablet tamén se inclúe unha funda para o seu transporte e unha gamuza para limpala, ademais dos cables típicos e necesarios para o seu uso.

Sobre o autor

Reply