Así foi a presentación do Galaxy S 4 en Londres


Como sabedes, antonte desprazámonos até Londres para coñecer en vivo e en directo o terminal estrela de Samsung para este 2013, o Galaxy S 4, que xa fora presentado na cidade de Nova Iork hai unha semanas.

O evento enmarcouse dentro do World Tour co que Samsung ten previsto levar o terminal por diferentes cidades para dalo a coñecer. Neste senso, serviu para que nos fixeran un repaso polas pincipais características do dispositivo, que supoñen na práctica unha actualización de hardware e software e poucos cambios no deseño sobre o seu antecesor, o Galaxy S 3.
Así, lembráronnos que conta con pantalla de 5 polgadas (resolución de 1920 x 1080, 441 ppi), dobre cámara (13 e 2 megapíxeles), batería de 2600 mAh, 2 GB de RAM e diferentes versións segundo a  capacidade de almacenaxe, 16/32/64 GB, sempre ampliábeis mediante microSD de até 64 GB. 
Tamén vén equipado con conectividade 4G-LTE de serie e proteción antirabuñadas na pantalla, que ademais pode ser usada con luvas. Un detalle importante é que finalmente ao noso país chegará a versión do procesador de 4 núcleos a 1,9 GHz e non a de 8, poñendo fin á controversia sobre cal chegaría a Europa.
Pero onde Samsung marca a diferenza é no  software, ofrecendo diferentes ferramentas sobre todo na parte de fotografía, como imaxes simultáneas con ambas cámaras, imaxes con son (só compartíbeis con outros S 4, se se manda a outro equipo recibirá o jpg sen son), ou a edición con borrado de persoas ou obxetos das mesmas, entre outras.
Destaca tamén a aplicación Group Play que permite reproducir e compartir simultaneamente música, vídeo e outros documentos. Nas probas que puidemos facer pareceunos moi interesante o control total de xestión dos dispositivos por parte do “master”, que pode ter especial relevancia en entornos empresariais. Cómpre sinalar ademais que funciona con WiFi Direct.
Doutra banda, KNOX é un servizo que permite manter dous entornos de traballo separados no mesmo terminal: está pensado para dividir o sistema en entorno laboral e persoal, non compartindo datos nin información entre eles.
Colaboración con EA Games
Na presentación tamén estivo presente o responsábel de EA Games para anunciar a colaboración entre a súa empresa e Samsung no Galaxy S 4. Así, as 100.000 primeiras persoas que se fagan co terminal poderán descargar de xeito totalmente gratuíto o popular xogo Need For Speed Most Wanted.
Esta versión do xogo poderase descargar (con custe) desde o Samsung Hub noutros dispositivos, como o Galaxy S 3 ou o Galaxy Note II.

Dispoñibilidade e prezo

Así mesmo, o evento serviu para dar a coñecer tanto a data na que estará dispoñíbel de xeito global, o 27 de abril, como o seu prezo, 699 euros na versión básica de 16 GB.

Sobre o autor

Reply