Un destacado desenvolvedor afirma que o HTC One X non recibirá Key Lime Pie

Cada vez que sae unha nova versión de Android facémonos a mesma pregunta: e cando se actualiza o meu terminal?

Se tes un Nexus, a resposta seguramente sexa nas próximas semanas, até que cando vaian 2 dispositivos polo medio o teu terminal deixe de ser compatíbel coas novas versións… nos próximos meses será a resposta que terán todas e todos aqueles que teñan collido recentemente un terminal de gama alta, referíndonos como tal aos “buque insignia” da marca, á referencia do ano.
Que hai dos demais? Pois ben irán recibindo (con calma) a nova versión, ben quedarán no esquecemento se son os máis antigos do fabricante e non está de todo claro que o hardware permita que funcione todo á perfección.

Como sabedes, en maio presentarase (presuntamente, mentres non se demostre o contrario) unha nova versión de Android, Key Lime Pie. E antes de que teñamos por certo cales son as novidades da mesma, chegan unhas declacións de @LlabTooFeR, un recoñecido desenvolvedor de HTC que estes días asegurou no seu Twitter que o One X (ollo, non é o One “a secas”, a estrela de HTC deste ano) seguramente quede en Android 4.2.2 Jelly Bean.

Malia todo, HTC ten prometida unha actualización para os terminais One X, One X+ One S e Butterfly que introducirá o novo Sense co Blinkfeed.

Que opinades? Credes que HTC vai deixar sen actualizar ese dispositivo de gama alta?

Sobre o autor

2 Comments

Reply