Analizamos o LG Optimus G, o primeiro feelphone do mundo

Vén de pasar polas nosas máis o terminal de referencia de LG, do que xa temos falado unhas cantas veces no noso blogue. Falamos do Optimus G, un dispositivo co que o fabricante coreano quere posicionarse na gama alga de Android, logo de que o ano pasado estivese máis centrada nos terminais de entrada coa saga L-Style.

Malia compartir parte das súas cartacterísticas técnicas co Nexus 4, terminal lanzado co selo Google, atopámonos cuantiosas diferenzas tanto no que ten a ver coas especificacións, como nos acabados como no software.
Deseño, acabado e conexións
O primeiro que chama a atención ao coller o terminal por primeira vez é o seu deseño e os seus acabados. Unha liña moi coidada e uns materiais que confirman que estamos ante un dispositivo de gama premium.

Trátase dun terminal estremadamente compacto, aspecto no que xoga un papel fundamental o feito de que sexa un bloque estanco no que non se pode extraer a batería e cuxas conexións externas redúcense a o jack 3.5 e ao microUSB de carga / transferencia de datos. Tampouco atopamos máis botóns físicos que os puramente imprescindíbeis de acendido e control de volume. Nun lateral temos a bandexa extraíbel na que introduciremos a microSIM.

A parte traseira é de cristal co ribeteado que coñecemos no Nexus 4 e que o fai moi vistoso cos cambios de luz. A situación lateral do botón de acendido fai que sexa perfectamente usábel cunha única man, aínda que non debemos perder as referencias do tamaño (131,9 x 68,9 x 8,5) no que alberga unha pantalla de 4,7 polgadas.

Conta con todas as ferramentas de conectividade habituais e mesmo é compatíbel con LTE-4G, aínda que esta funcionalidade vén durmida por non existir redes comerciais en España no momento do seu lanzamento. Malia todo, desde LG aseguráronnos que lanzarán a actualización de software necesaria tan pronto e como estas redes estén operativas, así que imaxinamos que será axiña logo do anuncio de Yoigo de sacar produtos comerciais 4G este mesmo verán.

Pantalla
A pantalla  é un dos aspectos máis destacábeis do terminal. Cun tamaño de 4,7 polgadas e resolución de 1280 x 768 píxeles, está fabricada con tecnoloxía True HD IPS+. Ademáis, incorpora ZeroGap Touch, que como xa explicamos anteriormente consiste en eliminar capas para que os dedos teñan unha relación máis directa coa mesma. Este aspecto non queda nun mero anuncio en papel, senón que se traduce nunha sensación moi agradábel ao tacto, ademais de ter unha resposta ás nosas interacións fabulosa.
Tamén nos pareceu relevante o brillo, un aspecto que LG ten bastante traballado, polo que é un móbil que se pode empregar en exteriores con incidencia directa do sol. Ademais, as imaxes son moi nítidas e teñen unhas cores realmente vivas.
Sistema operativo
No momento da súa comercialización vén con Android 4.1.2, algo que non ten moito senso cando é comercializado varios meses despois que o Nexus 4, que como sabedes foi o terminal co que se deu a coñecer Android 4.2. Malia todo, tampouco é un aspecto que nos deba preocupar en exceso, pois os cambios son mínimos e o terminal vai ser actualizado a próximas versións de Android.Incorpora ademais a personalizacion LG Optimus UI 3.0, que ademais de modificar o Android base en canto á estética tamén introduce novidades en canto a software das que xa temos falado.

  • QuickMemo: é a ferramenta coa que podemos tomar notas e facer capturas de pantalla comentadas, por exemplo para compartir un mapa con notificacións.
  • QSlide: permítenos colocar unhas aplicacións por riba doutras, e aplicarlles transparencias para poder traballar con varias cousas á vez. Polo de agora, funciona co reprodutor de vídeo, o navegador, a aplicación de notas, o calendario e a calculadora
  • Outras: tamén cabe destacar as ferramentas Wise Screen, que apaga a pantalla cando non miramos para ela ou Live Zooming, que permite facer zoom nunha parte do vídeo mentres se está a reproducir
Tamén destaca a personalización que permite a barra de notificacións no que ten a ver cos accesos directos, se ben é certo que ter que facer o percorrido en horizontal, logo dos 5 accesos que caben ao ancho, pode resultar algo engorroso. Pero como dicimos, pódense colocar na orde que nos vaia mellor.
Cámara
O terminal dispón de dobre cámara, a principal de 13 megapíxeles cunha apertura máxima de f/2.4. Inclúe flash LED e grava vídeo a 1080. Nótase bastante melloría sobre a cámara do seu irmán, o Nexus 4, e podemos dicir que saca fotos boas, aínda que tampouco nada especialmente destacábel. Neste sentido sitúase algo por baixo da competencia.

A cámara frontal é de 1.3 megapíxeles, unha calidade máis ca suficiente para videochamadas ou hangouts e que cumpre sobradamente para “autofotos”.

Cabe destacar tamén a inclusión de novas funcionalidades na cámara, como a activación por voz ou o disparo retroactivo, que se anticipa ao disparo para non perder un mal momento. Tamén incorpora o disparo en ráfaga e o xa tradicional modo panorámico.

Batería

A batería, interna e non extraíbel, ten unha capacidade de 2100 mAh. Prometen uns 800 ciclos de carga completos (a media é de 500-600) antes de comezar a notar unha perda importante na duración da mesma. Aínda que obviamente isto non o puidemos comprobar si que puidemos dicir que ofrece unha autonomía máis ca interesante.
Cun uso intensivo acadamos entre 30 e 40 horas de uso, bastante superior ao que hai no mercado, que adoita terse que cargar por norma todas as noites. Así que nese sentido, isto non é un problema.
Ademais, permite seleccionar traballar con 2 ou 4 núcleos, para que se estamos a usar o terminal sen precisar moita potencia poidamos aforrar enerxía.
Conclusións
A dicir verdade, a nosa experiencia xeral co Optimus G foi moi satisfactoria. Realmente LG fixo un esforzo por ter un terminal co que competir na gama alta man a man con fabricantes da talla de Samsung, Sony ou HTC.
É un terminal que vai extremadamente fluído co seu procesador de catro núcleos e os 2 GB de RAM. En ningún momento sufrimos problemas de petar por estar forzando o terminal a traballar con moitas cousas á vez, máis ben todo o contrario: non se percibe perda de fluídez.
A comparación co Nexus 4 é necesaria: mesmo fabricante, varias características técnicas semellantes, semellantes acabados… pero bastante diferenza de prezo. Mentres o Nexus 4 pódese mercar por 299 € ou 349 €, segundo sexa a versión de 8 ou 16 GB, o Optimus G alcanza os 600 €. Daquela, paga a pena?
Pois todo dependerá do que precisemos, pero efectivamente hai razóns que levan a que exista esa diferenza de prezo: mellor pantalla (máis sensitiva e precisa), maior capacidade interna cos seus 32 GB (lembremos que nin Nexus 4 nin Optimus G teñen espazo para microSD), capacidade LTE, mellor cámara ou engadidos software de LG aos propios de Android.
En definitiva, trátase dun terminal potente, cun deseño e acabados moi traballados, cunha fabulosa autonomía e unha cámara aceptábel. Unha aposta segura para os usuarios que queren un terminal de altas prestacións.

Sobre o autor

No Responses

Reply