Xa pasou polas nosas mans a estrela de Samsung deste 2013, o novo
Galaxy S4, o dispositivo co que os coreanos queren seguir colleitando os éxitos desta liña de terminais
galácticos que situaron a Samsung no número un de vendas no sector dos smartphones.
Deseño, acabado e conexións
O aspecto de deseño do Galaxy S4 non destaca precisamente polas novidades. Non se mudan en exceso as liñas do terminal sobre o S III, máis aló de reducir os marcos entre pantalla e laterias, nin tampouco os materiais, onde unha vez máis volven apostar polo plástico, fronte á competencia, que escolle o cristal ou o aluminio para as súas gamas altas.
Se o plástico é ou non un acerto é cuestión de gustos. As vantaxes de usar este material van la liña da durabilidade ou resistencia fronte aos golpes, xa que aguanta mellor as caídas. Pola contra, este material dá a sensación de estar ante un terminal máis, non un dispositivo que custa 700 euros. Así que neste aspecto, como dicimos, os gustos de cada un.
Os laterias do terminal albergan botóns, de acendido no dereito e de control de volume no esquerdo. Non son os únicos botóns, xa que na frontal consérvase o botón físico de Home/Inicio. A parte superior do dispositivo fica reservada para o conector jack 3.5 e un micrófono cancelador de ruído, mentres que na inferior sitúase o micrófono e a entrada USB.
Na parte traseira, con tapa extraíbel, atópase a cámara co flash LED e o altofalante, e baixo a mesma o espazo para batería (intercambiábel) e para tarxeta microSIM e microSD.
Conectividade non lle falta a este dispositivo que xa vén preparado para as redes LTE-4G. Tamén ten NFC e todo tipo de sensores, entre os que destaca o barómetro, sensor de temperatura e humidade, de xestos e magnético.
Neste sentido, son tantas as posibilidades de conexión que Samsung optou por dividir o menú de axustes en 4 pestanas para que sexa máis doado atopar o que buscamos: conexión, dispositivo, contas e un “máis” a modo de caixón desastre.
Pantalla
Pasando a falar da pantalla, o Galaxy S4 incorpora unha Super AMOLED Full HD de 5 polgadas, cunha resolución de 1920 x 1080, 441 píxeles por pulgada, unha das maiores densidades de píxeles no que hai no mercado. Ademais ten protección Gorilla Glass, que protexe ante pequenos golpes ou rabuñadas.Resulta ser un dos factores máis destacábeis do teléfono que estamos a analizar, xa que a calidade de imaxe e as cores son realmente vivos e realistas, por riba doutros produtos da competencia. Pola contra, no aspecto do brillo en exteriores cando hai incidencia directa de luz sitúase un chanzo por detrás.Sistema operativo e software
Vén con Android 4.2.2 Jelly Bean, a última versión do sistema operativo dispoñíbel á hora de poñerse á venda, o que é un punto moi positivo. Neste sentido, semella que Samsung quere mandar unha mensaxe clara: que vai ser áxil nas actualizacións.
O aspecto visual é o da interface TouchWiz, que non muda demasiado entre diferentes versións. Mais onde si hai novidades a moreas é no apartado de ferramentas software, que é onde o S4 ten as súas principais novidades.
Air e SmartIncorpóranse unha gran cantidade de ferramentas “air”, que dan funcionalidades ao teléfono sen que teñamos que pousar un dedo sobre el, aínda que moitas veces non están dispoñíbeis en todas as aplicacións, senón nas que Samsung considera axeitadas.
Dentro da suite “Air Gesture” atopamos Quick Glance (ver notificacións rapidamente coa pantalla apagada), Quick Jump (desprazarse entre webs, aínda que só funciona no navegador predeterminado, Air Browse (para saltar entre fotos ou pistas musicais), Air Move (para mover accesos directos, aplicacións…) ou Air Call Accept (aceptar ou rexeitar chamadas). Realmente, a utilidade a estas aplicacións vémola cando, por exemplo, temos os dedos mollados ou suxos e podemos interactuar co noso terminal sen ter que preocuparnos de manchalo.
Nos seguintes vídeos podemos ver como funciona Air Browse e Air Call Accept
Doutra banda está Air View, que situando o dedo riba de algo (sen pousar), por exemplo, da galería de imaxes, amosa unha vista rápida do contido, sen ter que abrir o cartafol correspondente. Isto xa estaba implementando nas Galaxy Note, aínda que naquel caso, facíase a través do S-pen.
Mais non todo é Air, tamén temos Smart, unha gama de ferramentas para a pantalla que xa coñecíamos doutros dispositivos de Samsung. Así, Smart Stay mantén a pantalla acesa mentres non deixemos de mirala, Smart Rotation axusta a pantalla ao ángulo de visión que teñamos nun determinado momento, Smart Pause pausa a reprodución dun vídeo cando non se está a mirar á pantalla e Smart Scroll fai un seguemento dos nsosos ollos pola pantalla, facendo que avance no contido segundo imos lendo.
Pantalla partida
Xa coñecéramos nas Note a posibilidade de partir a pantalla en dous para manter dúas aplicacións abertas á vez na mesma pantalla, algo moi relevante tendo en conta o gran tamaño da pantalla. O S4 non queda atrás e tamén inclúe esta posibilidade.
Outras ferramentas
- WhatchOn: a idea é servir de mando universal e guía televisiva, polo que podemos buscar que están a dar na televisión (TDT ou outros servizos de pagamento por visión) e manexar o noso televisor desde o propio móbil (non ter que ser Samsung).
- S Health: é unha ferramenta para o control de cuestións relacionadas coa saúde, na que podemos anotar as nosas progresións de peso ou hábitos de saúde de xeito manual ou a través dunha completa gama de accesorios que van desde unha báscula até complementos deportivos.
- Group Play: durante os días de análise do terminal non puidemos empregar esta ferramenta ao non coincidir con alguén con outro S4. A idea é poder compartir documentos (música, vídeos, audio…) e estes reproduciranse en todos os dispositivos que estén no grupo nese momento. A conexión establécese por WiFi Direct.
Cámara
A cámara principal do dispositivo ten un sensor fabricado por Sony, o Exmor RS, cunha apertura máxima de f/2.2 e 13 megapíxeles. Máis aló dos datos numéricos, estamos ante unha cámara que, como xa nos ten acostumados Samsung nas gamas altas, ofrece uns resultados superlativos.
|
Detalle en modo macro. Ollo á araña |
Dispón de numerosos modos para sacar a fotografía óptima (Beauty Face, Best Photo ou Best Face). Todos eles comparten o feito de sacar ráfagas de fotos para quedar coa mellor. Ademais inclúe os típicos modos HDR, panorama ou escena nocturna.As grandes novidades neste senso veñen co modo Drama, co que podemos captar unha escena en movemento, Foto Animada, para crear unha especie de gif con zonas estáticas e zonas en movemento, Borrado, co que se eliminan os obxectos en movmento e Sound and Shot, un modo para gravar un pequeno son (até 9 segundos) coa foto, pero que polo de agora só podemos compartir con outros Galaxy S4.
A cámara frontal é de 2 megapíxeles e podemos configurar para sacar unha foto na que se superpoñen as capturas da cámara dianteira e traseira á vez.
Batería
O mesmo que acontece no tema dos materiais con Samsung ocorre na batería: mentres os demais apostan por ter batería interna non extraíbel, Samsung mantén tapa traseira con batería intercambiábel. Isto facilita ao usuario o seu cambio no caso de que mostre problemas de capacidade cando vai indo vella ou ter unha segunda unidade para non quedar nunca sen enerxía, algo nada raro cos smartphones de hoxe en día.
O módulo que incorpora ten unha capacidade de 2600 mAh, que traducido a duración útil resulta arredor de día e medio de carga cun uso elevado do terminal, polo que poderemos acabar o día sen problemas se o cargamos todas as noites.
Accesorios
Xa adiantamos cando falamos de S Health que este dispositivo ten varios accesorios pensados para fitness, mais tamén unha completa gama de fundas que van desde as tipo libro ás de estuche de coiro pasando polas libro con ventá. Estas últimas son quizais as máis novidosas, xa que permiten ver as notificacións sen ter que sacar o móbil da propia funda.
Conclusións
O Galaxy S4 é un gran terminal, un dispositivo que fará as delicias dos usuarios máis esixentes do panorama Android, que sen dúbida non se sentirán defraudados coa compra. Aspectos como a cámara, a pantalla, a capacidade da súa batería ou o rendemento sitúano nos postos máis altos da cadea de supersmartphones.
O seu procesador, un Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,9 GHz, ligado aos 2 GB de memoria RAM, fai que o terminal vaia extremadamente fluído. Houbo certa polémica porque nun primeiro momento falárase de que chegaría a Europa a versión de 8 núcleos, pero finalmente confirmouse a de 4. O certo é que as diferenzas reais que percibiría o usuario cun ou outro modelo non serían gran cousa, pois hai que ter en conta que na versión de 8 núcleos non traballarían todos a un tempo, senón de 4 en 4, e que realmente tampouco hai nada que saque partido real a tanta potencia.
A versión que probamos foi a de 16 GB (700 €), aínda que tamén haberá dispoñibilidade de versións de 32 e 64 GB. Mais hai que ter en conta que non toda esta capacidade está dispoñíbel para o usuario; no caso da versión de 16 GB teremos libres arredor de 9,6 GB, aínda que sempre poderemos ampliar a través de tarxetas microSD.
Como comentamos antes, tamén destacamos deste dispositivo que veña coa última versión de Android instalada como mostra de que lle van a prestar atención e van ser áxiles durante algún tempo no tema das actualizacións.
En definitiva, estamos diante dun terminal para un público esixente, unha nova aposta segura da man de Samsung.