Estes últimos meses escribimos moito dela, pero hoxe por fin podemos falar dela como unha realidade. Referímonos á nova aplicación de mensaxería de Google, que vén de ser presentada hai uns momentos no marco do evento de desenvolvedores I/O 2013.
Por fin podemos desvelar que o nome elixido é Hangouts, o mesmo nome usado anteriormente con Google para referirse ás videochamadas vitaminadas a través de Google+. Pero sen dúbida o máis importante, máis alá de nomes, é que descubrimos as súas funcionalidades.
Para comezar, Hangouts supón unha reestruturación de servizos. Unifícanse así varias funcionalidades que até o de agora ficaban dispersas, como Google Talk, Hangouts, Messenger para Google+… que pasan a formar parte dun todo común.
Pero o realmente importante é que Hangouts é multiplataforma (Android, iOS e PC) e que permite voz, vídeo, texto, voz e vídeochamadas, así como tamén enviarnos todo tipo de arquivos. É dicir, todo tipo de comunicación, que se focaliza en conversas e non en contactos. Unha liña temporal con toda a nosa comunicación e albumes coas fotos que recibimos a través dela.
A actualización da aplicación en Android chega a través dun novo Google Talk (ligazón ao final), que pasa a ser sustituído por Hangouts. En iOS pódese descargar desde esta ligazón, e desde esta outra como extensión de Chrome. De todos os xeitos, tamén chegará ao “Google Talk” actual de Gmail ao longo das próximas horas. Para mudar a Hangouts simplemente debemos clicar sobre a nosa foto no chat e seleccionar “probar o novo Hangouts” (ollo, esto aínda non está dispoñíbel para todos, será nas próximas horas).
Sen dúbida esta é unha das aplicacións máis agardadas polos usuarios nun momento de florecemento de aplicacións de mensaxería na que os usuarios estamos a buscar a ferramenta perfecta. Vexamos se é esta.