A relación de Google coa música non é nova, pois hoxe en día todas e todos coñecemos Google Music, que logo pasaría a chamarse Play Music, un servizo que nos permite almacenar gratuitamente a nosa biblioteca musical na nube (20.000 cancións), así como tamén todo o que merquemos a través da tenda Play Store.
Malia todo, hoxe Google vai un paso máis lonxe ao anunciar un novo servizo de suscrición musical por todo o alto, logo de chegar a un acordo con varios selos discográficos como Sony, Universal e Warner. É o Play Music All Access.
Compleméntase co Google Music tal e como o coñecemos, polo que podemos disfrutar del tanto na web como nos diferentes dispositivos Android que teñamos. Entre as súas funcionalidades están as recomendacións a partir do que escoitamos ou temos subido, así como un modo radio a partir dunhas determinadas pistas.
A diferenza doutras alternativas (léase Spotify), tamén estrea o novo modelo de negocio de Google, o pagamento mensual, non ofrecendo unha alternativa gratuíta limitada ou baseada en publicidade. A suscrición é de 9,99 dólares / mes, cun mes de proba gratuíto. Polo de agora só está dispoñíbel en USA, pero comentaron que en breve chegará a outros países.