Os nosos smartphones e tablets son os complementos perfectos para viaxar. Se ben é certo que impiden que desconectemos totalmente como antaño (#vivaantes), sérvennos de guía, de ferramenta de busca de recomendacións e tamén de cámara fotográfica.
Resulta complicado atopar guías de viaxe tan completas como as de papel para os nosos smartphones, aínda que tendo acceso a Internet isto pode chegar a ser prescindíbel. Malia todo, hai algunha que outra aplicación interesante, como Field Trip, unha aplicación de viaxes de Google que xa está dispoñíbel no noso país.
O funcionamento desta aplicación, pensada para smartphones, é algo atípica, xa que se executa en segundo plano e actívase cando nos achegamos a un lugar con algo interesante, amosándonos unha tarxeta na que aparece información de interese, como a ubicación exacta do sitio ou teléfono (no caso de, por exemplo, un museo).
A información non se limita unicamente a monumentos ou museos, senón que tamén indica lugares nos que comer ou tomar algo, e mesmo tendas de produtos populares. Tamén resulta de interese o modo condución, grazas ao cal as notificacións pasarán a ser de voz para que non teñamos que tocar o teléfono coas mans.
Ademais, Field Trip aprende dos nosos gustos para ofrecernos a información que máis nos interesa, moi na liña doutros produtos de Google, polo que os resultados iranse perfeccionando co uso.
Nome da aplicación: Field Trip
Prezo: Gratuíta
Requerimentos: Android 2.3 ou superior
Desenvolvedor: NianticLabs@Google
Descarga: Play Store