Gmail, o servizo de correo electrónico de Google, vén de facer oficial os rumores que falaban dun redeseño para o Google I/O 2013. Non foi en tal evento, senón hai apenas uns minutos cando esta nova pasou a ser máis ca un rumor: chega o novo Gmail.
A primeira gran diferenza é que introduce diferentes pestanas que diferencian as mensaxes, ben sexa correo normal, mensaxes de amigos, notificacións sociais ou ofertas, facendo que a bandexa de entrada sexa un sitio moito máis limpo, con diferentes espazos para diferente tipo de correo.
Como podedes imaxinar, estes cambios na bandexa de entrada son totalmente personalizábeis, xa que cada un ten quer ter o correo ao seu gusto e, polo tanto, pode decidir que mensaxes entran en cada unha delas. Así mesmo, se non se quere mudar nada, pódese seguir como até o de agora.
A aplicación para Android tamén recibe unha actualización para adaptarse a este cambio, aínda que só en versións 4.0 ou superior. Ao abrila, amosarásenos a bandexa de entrada primaria, mais é moi doado mudar con poucos xestos para escoller outra das bandexas de entrada. Do mesmo xeito que na versión de escritorio, se non nos gusta, podemos mudar á versión habitual.
Estas novas melloras irán chegando ao longo dos próximos días á versión de escritorio, aínda que a actualización da aplicación debera ir aparecendo gradualmente na Play Store dos nosos teléfonos ao longo do día ou mañá…