No pasado Google I/O de mediados de mes descubríronnos o Samsung Galaxy S4 Google Edition, o terminal estrela de Samsung pero con Android puro, sen aditivos nin personalizacións de Samsung. E seguindo a liña, onte foi HTC que deu a coñecer o HTC One Google Edition, é dicir, o seu smartphone de referencia coa versión stock de Android.
Cómpre sinalar que non estamos a falar de novos dispositivos Nexus e neste punto Google foi claro: a saga Nexus debe continuar, pois é unha marca diferenciadora que ten que seguir sendo referencia na evolución de Android. Sen embargo, estamos ante algo que se lle parece. E moito.
E é que as actualizacións dos Google Edition dependerán directamente de Google, polo que serán moito máis áxiles, ao igual que acontece cos Nexus. É dicir, non haberá que agardar a que o fabricante decida a actualizar o dispositivo, pois será Google quen o faga.
Polo demais, o novo terminal de HTC, igual que xa pasara co S4, conserva as prestacións técnicas que coñecíamos: pantalla de 4,7 polgadas e resolución 1920 x 1080 píxeles, procesador de 4 núcleos a 1,7 GHz, 2 GB de RAM, 32 GB de memoria interna e cámara de 12 megapíxeles (3 x 4 megapíxeles).
Nun primeiro momento vai estar dispoñíbel unicamente nos Estados Unidos a partir do 26 de xuño por 599 dólares, aínda que non se descarta que transpase fronteiras.
Se puidérades elixir, preferiríades a versión HTC ou a Google Edition?