Unha tablet dual Android / Windows e un tabletphone, principais novidades de Asus no Computex 2013

Asus tennos acostumados a produtos diferentes e innovadores, novos conceptos que moitas veces acaban por ser imitados por outros fabricantes. Aproveitando a celebración do Computex 2013 veñen de presentar novos dispositivos, entre os que destacamos unha tablet e o un tabletphone (eses dispositivos a medio camiño entre teléfono e tablet).
Asus Transformer Book Trio
Imaxe: The Verge
Pode que definir o Asus Transformer Book Trio como unha tablet sexa quedar curto, pero tampouco poderíamos dicir que é un portátil. Mais ben é algo que se move a medio camiño.
Ao mesmo que os outros Transformer que xa coñecíamos, o Book Trio pode separar o teclado da pantalla para usar esta como tablet. Usando teclado e pantalla en conxunto teríamos un ultrabook ao uso.
As características técnicas pasan por unha pantalla de 11,6 polgadas, procesador a 2 GHz ou 64 GB de memoria interna (que ao conectar o teclado convírtense en 1 TB). Pero quizais o máis chamativo de todo é que ten precargados dous sistemas operativos, Android (Jelly Bean) e Windows 8, polo que o usuario pode escoller en todo momento cal empregar, dependendo do uso que lle queira dar.
Ten prevista a súa chegada para o terceiro trimestre do ano.
Asus FonePad Note
Polo nome xa imaxinaredes que estamos falando da Galaxy Note de Asus. Este novo tabletphone achega unha solución de traballo ao público máis esixente e dependente da conectividade.
Conta cunha pantalla IPS Full HD de 6 polgadas e resolución 1920 x 1080, procesador a 1,6 GHz de dobre núcleo, 2 GB de memoria RAM e cámara principal de 8 megapíxeles.
Inclúe un stylus e software específico de Asus para sacarlle máis partido ao terminal, aínda que non sabemos se ao nível da alternativa de Samsung. Corre Android Jelly Bean.
Desde Asus aínda non adiantaron prezos ou dispoñibilidade, mais podemos imaxinar que o seu lanzamento comercial chegará cara setembro / outubro, co comezo do curso escolar.

Sobre o autor

Reply