Galaxy S4 Active, a alternativa para os que non paran

Por norma xeral, os terminais con características especiais (dobre SIM, resistencia a golpes ou auga…) adoitaban ficar na gama media, lonxe das especificacións dos terminais estrela ou de mellores características.
Afortunadamente é un tema que está mudando, e se xa vimos como Sony sacaba un terminal de alta gama resistente, o Xperia Z, agora é Samsung quen se anima co seu buque insignia, presentando o Galaxy S4 Active.
O seu deseño vese modificado para poder aturar golpes e caídas en auga, segundo a certificación IP67, a máis habitual nestes dispositivos e que asegura a resistencia a estar sumerxido en auga a un metro de profundidade por media hora.
En canto a especificacións técnicas temos, en xeral, as mesmas que o S4 estándar: pantalla de 5 polgadas cunha densidade de 443 ppp, procesador SnapDragon 600 de catro núcleos a 1,9 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD de até 64 GB) e batería de 2600 mAh.
A cámara principal baixa dos 13 aos 8 megapíxeles, mentres que a frontal continúa a ser de 2 megapíxeles. Malia todo, aplícase un novo modo de fotografía, o subacuático, polo que poderemos tomar boas fotos nesas condicións.
Corre Jelly Bean (Android 4.2) con TouchWiz e é compatíbel coas redes 4G-LTE. Estará dispoñíbel por 649 € e a súa aparición nas tendas agárdase para o verán.

Sobre o autor

Reply