Google fixo pública esta tarde a adquisición da rede social de tráfico e mapas Waze por un montante de entre 1.000 e 1.300 millóns de dólares.
Con máis de 50 millóns de usuarios, Waze deuse a coñecer polos seus mapas de tráfico colaborativos, nos que en todo momento se está a recopilar información de tráfico xerada por todos os usuarios para ofrecernos a ruta máis fluída ou alternativas no caso e que haxa unha incidencia na estrada.
Outras das características que fixeron popular a Waze son as que teñen a ver coa parte máis social, no senso “tradicional” da palabra, xa que ten opcións como seleccionar ir ao lugar no que se sitúa un evento do Facebook ou permitir compartir o noso desprazamento en tempo real cos amigos, entre outras.
Con este movemento Google conseguirá integrar novas funcionalidades a Google Maps, a que sen dúbida é unha das mellores ferramentas coas que conta a compañía do buscador e un sector no que aínda non atopou rival.