6,18 mm. Así de fino é o novo terminal de Huawei, o Ascend P6, que onte foi presentado en Londres, mais do que sabiamos a maior parte das súas características a través das filtracións que fomos publicando estes días pasados. Do seu deseño, ademais do seu pouco grosor, destaca o baixo peso (120 gramos) e os acabados metálicos con base curvada, que fan del un dispositivo elegante.
Vén cunha pantalla de 4,7 polgadas con tecnoloxía Magic Touch (grazas á cal podemos empregalo sen ter que sacar as luvas, perfecto para este verán), procesador de catro núcleos a 1 GHz, 2 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 64 GB. Monta unha batería de 2000 mAh, cámara principal de 8 megapíxeles, e cámara frontal de 5 megapíxeles.
En canto ao sistema operativo, vén con Android 4.2.2 – Jelly Bean, ao que se lle engade a personalización Emotion UI, que inclúe ferramentas de seguridade e widgets deseñados polo fabricante.
Estará dispoñíbel no noso país no mes de xullo por 449 € no mercado libre e tamén a través de Vodafone, Orange e Movistar.