A española bq acaba de presentar 5 novos modelos de tablets, que chegan para renovar a Curie, Edison e a familia Maxwell, incluíndo melloras que afectan tanto ao hardware coma ao software.
Neste senso, incorpórase un novo modo de aforro de enerxía (até un 25% de aforro) e ábrese a posibilidade a aplicar as actualizacións vía OTA, o que mellorará notabelmente a experiencia para os usuarios. A priori, os 5 novos modelos veñen con Android 4.1 Jelly Bean, que será actualizábel.
bq Edison 2 (WiFi / WiFi+3G)
Cunha pantalla IPS HD de 10,1 polgadas, esta tablet é a alternativa para os usuarios que buscan unha gran experiencia multimedia. Incorpora un procesador de dobre núcleo a 1,6 GHz, 1 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna, dobre cámara (5 e 2 megapíxeles) e unha batería de gran capacidade, 8600 mAh.
A versión WiFi custará 199,90 € e a WiFi+3G 249,90 €.
bq Curie 2 (WiFi / WiFi+3G)
Baixando até as 8 polgadas (tamén IPS HD) temos a Curie 2, que comparte procesador e capacidades da RAM e memoria interna coa Edison. Rebáixanse as características das cámaras (2 megapíxeles e VGA para traseira e frontal) e tamén a batería, que queda nos 5000 mAh.
A versión WiFi custará 169,90 € e a WiFi + 3G 199,90 €.
bq Maxwell 2 Lite / bq Maxwell 2 / bq Maxwell 2 Plus (WiFi)
Finalmente, a familia Maxwell, con pantallas de 7 polgadas, tamén reciben unha actualización das súas características. Todas elas veñen con procesador de 1,6 GHz e dobre núcleo con 1 GB de RAM. As diferenzas están na calidade da pantalla, na memoria interna, na capacidade da batería e na cámara.
Así, a versión máis económica, a Lite, incorpora 8 GB de memoria interna, 4100 mAh de batería e cámara VGA; a estándar vén con pantalla IPS, 8 GB, batería de 4300 mAh e cámara VGA; finalmente, a Plus trae unha pantalla IPS Hd, 16 GB de memoria interna, 4300 mAh de batería e cámara de 2 megapíxeles.
En canto a prezos, a bq Mawxell 2 Lite custará 99,90 €, a Maxwell 2 119,90 € e a Maxwell 2 Plus 139,90 €.
Todas elas pódense mercar na tenda en liña do fabricante ou en centros autorizados.