Se sodes de espírito aventureiro seguramente coñezades a empresa Garmin, especializada na fabricación de GPS’s para uso civil, que agora vén de ir un paso máis aló presentando un modelo baseado en Android, o Garmin Montera.
Este dispositivo conta cunha pantalla de 4 polgadas e un deseño que o fai resistente a golpes e outras inclemencias derivadas do uso habitual que teñen estes aparellos, como caídas en auga, suciedade étc. Incorpora unha cámara de 8 megapíxeles, memoria de 8 GB ampliábel por microSD e conectividade Bluetooth 3.0, ANT+ e chip NFC.
Pero o máis relevante é que inclúe toda clase de sensores orientados á ubicación, como GPS e Glonass, altímetro, acelerómetro, xiroscopio, brúxula… ademais de admitir mapas topográficos e BirdsEye.
Estará dispoñíbel logo do verán por 500 euros.