Descubren unha vulnerabilidade en Android que afecta ao 99% dos terminais. Debemos preocuparnos? Non

Hoxe diversos medios falan un informe de Bluebox, que afirma ter descuberto unha vulnerabilidade de seguridade que, segundo eles, afectaría ao 99% dos terminais Android. De feito, atendendo ás súas informacións, só quedaría o Samsung Galaxy S4 libre de padecela.
Queremos afastarnos dese titular doado e pretencioso e comentar un pouco máis polo miúdo en que consiste esa vulnerabilidade: basicamente trataríase de que se poderían modificar aplicacións orixinais sen alterar a clave criptográfica que identifica a aplicación orixinal / verificada, polo que alguén con fins maliciosos podería aproveitarse deste feito para roubar datos, controlar o noso terminal ou producirnos gastos (por exemplo, enviando sms). Resumindo, que poderían ter chegar a ter controlado o noso Android.
En vista disto, debemos preocuparnos? Rotundamente non. A resposta a esta pregunta vai un pouco na liña desta outra entrada, na que falabamos da existencia ou non de virus en Android.
E é que para que alguén se puidera aproveitar desta vulnerabilidade os usuarios deberían instalar unha aplicación desde fóra da Play Store (ademais que debera ser maliciosa, e non todo o que hai fóra da Play Store o é). É dicir, non hai perigo usando a Play Store, pero si que deberíamos pensalo dúas veces antes de instalar unha aplicación pola nosa conta se a procedencia da mesma é dubidosa.
Vamos, aquí aplícase o que sempre dicían as nais e avoas: sentidiño, que ninguén regala duros a catro pesetas. Así que se vedes por aí unha aplicación de balde que en realidade é de pagamento, sospeitade e non miredes unicamente o peto 😉

Sobre o autor

Reply