Google non sabe gardar un segredo. Quizais por iso haxa (supostas) imaxes da Nexus 7 circulando por Internet días antes da súa presentación oficial, que se todo vai segundo o previsto será o próximo mércores nun evento no que tamén veríamos oficialmente Android 4.3.
As características que se lle presupoñen ao Nexus 7 de segunda xeración non son unha revolución sobre o modelo anterior, aínda que si que hai melloras relevantes. Así, fálase dunha memoria RAM de 4 GB, 16 GB de memoria interna na versión máis básica e, sobre todo, mellor pantalla, cunha resolución de 1920 x 1200 píxeles.
Segundo apunta o catálogo de BestBuy, tería un prezo de 229,99 dólares (175 euros), mais sabendo como van estas cousas seguramente a conversión sería 1 $ = 1 €. Estaría dispoñíbel de xeito practicamente inmediato.
Vía / @evleaks