LG quenta motores para a presentación do G2

A estas alturas do ano podemos dicir que LG quixo que o 2013 fose o ano no que recuperar posicións na gama alta, tanto co Optimus G que probamos hai uns meses como co Optimus G Pro, que desde onte podemos mercar no noso país.

A saga continúa co G2, cuxa presentación terá lugar o vindeiro 7 de agosto en New York. Trátase dun terminal que pretende marcar diferenzas, algo que percibimos xa no propio nome, onde se elimina a palabra “Optimus”, todo parece que por unha estratexia de marketing que pretende que se conserve unicamente nos gama media.
Este novo terminal non é alleo á rumoroloxía que procede a calquera presentación de dispositivos que se prece. Neste caso falaríamos do primeiro smartphone que levaría o procesador Qualcomm Snapdragon 800, con 2 GB de RAM, cámara de 13 megapíxeles e unha batería de 2540 mAh. Tamén se fala de control táctil na parte traseira e unha pantalla de 5,2 polgadas.
En calquera caso, e para ir abrindo boca, déixannos este teaser que xira arredor da idea dos usuarios como fonte de inspiración para a compañía:

Sobre o autor

Reply