Chromecast, Nexus 7, Android 4.3 e Google Play Games. Isto é o que nos tiña que contar Google onte

A cita de onte con Google deixou máis ben poucas sorpresas, pois o que empezaran sendo rumores acabaron sendo filtracións totais horas antes de que comezara a keynote. Malia todo, sempre hai algunha que outra sorpresa e, desta vez, tocoulle ao Chromecast. A continuación podedes ler un resumo do que presentaron.Chromecast

O Chromecast é un pequeno set up en forma de pincho que permite convertir a nosa televisión nun centro multimedia, podendo sincronizar o noso teléfono, tablet ou ordenador para reproducir o noso contido ou tamén para navegar por Internet ou consultar o correo electrónico.

Está pensado para ser usado por control remoto desde calquera trebello, aparecendo un botón de activación nas aplicacións compatíbeis con el. Polo de agora, pódense usar en plataformas de broadcast como Netflix, YouTube, Google Play Movies & TV e Google Play Music, aínda que aseguran que chegará a novas aplicacións proximamente.O seu prezo, 35 $, fai que o seu atractivo sexa aínda maior. Polo de agora está dispoñíbel unicamente nos Estados Unidos.
Nexus 7 de segunda xeración

Do Nexus 7 xa vos contáramos todo antes da súa presentación. Del destaca o gran aumento na resolución da súa pantalla, que chega aos 323 ppp, ademais da presenza de dobre cámara ou o son estéreo. Chegará ao noso país nas próximas semanas.

Android 4.3

Outra das características da nova Nexus 7 é que vén con Android 4.3, unha nova versión de Android (ou poderíamos dicir, unha revisión) que incorpora poucas novidades, mais aló de acadar un maior rendemento reducindo o consumo de batería ou incorporando os perfís restrinxidos, unha característica idónea para os dispositivos compartidos en familia xa que, por exemplo, poderíamos ter un usuario capado para os máis pequenos da casa.

Tamén ten outras pequenas melloras, como o novo Dial Pad (autocompletado ao marcar), Bluetooth Smart Ready ou Open GL 3.0

É destacábel que esta actualización é inmediata para os dispositivos da saga Nexus (Galaxy Nexus, Nexus 4, Nexus 7 e Nexus 10), mentres que os “Google Edition” (Samsung Galaxy S4, HTC One) recibirana en breve.

Google Play Games

Finalmente, tamén chegou a aplicación Google Play Games. Trátase dun xentro de xogos que permite competir cos nosos amigos para ver quen é mellor nun xogo ou noutro, así como tamén para ter unha panorámica do ben (ou mal) que nos vai nos xogos aos que xogamos.

Podedes descargar esta aplicación desde a Play Store.

Que vos parecen estas novidades? Tedes pensado facervos co novo Nexus 7?

Sobre o autor

No Responses

Reply