Xa vos contáramos no momento do seu lanzamento que Huawei ofrecería 2 versións do P1 fixándose basicamente en dúas cuestións: batería e memoria interna. Así, a versión estándar conta con 1800 mAh e 4 GB, mentres que a versión XL, a que probamos, chega aos 2300 mAh e 8 GB.
Moitas veces a mellor forma de definir un aparello, antes de centrarse no seu físico, é falar de sensacións. Neste aspecto, o Ascend P1 XL é un terminal cómodo de coller na man. A súa forma, con laterais redondeados, fai que se adapte totalmente ás falanxes dos nosos dedos. O xeito de agarralo coa man dereita fai que cada dedo quede preto dun botón, a saber: acendido no lateral dereito e controis de volume no esquerdo.
O lateral dereito inclúe tamén a ranura de tarxeta microSD. A parte inferior só ten o micrófono e é na superior onde está o espazo reservado á tarxeta SIM (SIM normal, non microSIM), microUSB e o jack de audio 3.5 mm.
Os acabados son en plástico duro, que certamente dan sensación de resistencia a pequenos golpes, nun terminal feito dunha soa peza e cunha gran sensación de ser moi compacto.
Incorpora unha pantalla de alta definición de 4,3 polgadas e 15 millóns de cores, que ten ademais proteción Gorilla Glass para protexela de golpes e das habituais rabuñadas que se producen, por exemplo, ao compartir peto coas chaves.
Destaca dela a boa calidade do brillo, que nos permite conseguir boas visualizacións en entornos de diferente luminosidade, se ben é certo que a resposta ou adaptabilidade aos cambios é algo lenta (tarda un pouco en reaccionar o axuste de brillo automático ao cambiar, por exemplo, de interior a exterior).
Cámara
Como a práctica totalidade dos terminais de gama alta, incorpora dobre cámara, a principal de 8 megapíxeles con flash LED e métodos avanzados como HDR. Os resultados son fotografías de calidade en practicametnte todos os ambientes. Ademais chamounos a atención o ben que enfoca a moi curtas distancias.
A cámara frontal é de 1,3 megapíxeles, calidade máis que aceptábel para videoconferencias.
Huawei, que leva xa un tempo tratando de facerse un oco entre os máis grandes a costa de ofrecer terminais algo máis económicos estao a facer moi ben. O Ascend P1 XL é unha moi boa opción a considerar por esa xente que precisa un terminal que responda e que non quere deixarse cantidades desorbitadas nun dispositivo.
O procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, xunto a 1 GB de RAM, ofrecen uns rendementos mellores que noutros dispositivos da mesma gama; seguramente teña moito que ver a ausencida de personalizacións do fabricante, que moitas veces ralentizan o funcionamento. Ten 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de ate 32 GB.
O terminal está dispoñíbel con Yoigo nun pago úncio de 279 ou para ser mercado a prazos, con múltiples opcións de financiamento. Tedes máis información nesta ligazón.