Había ganas de coñecer o novo terminal de Motorola, tanto polo moito que temos falado del nestes últimos meses como por ver como afronta a nova etapa Motorola tras ser adquirida por Google.
O novo Moto X non destaca por unha características técnicas fóra de serie, é dicir, á altura dos grandes terminais ás que nos teñen acostumadas as gamas altas do resto de fabricantes, mais non por ilo deixan de ser menos interesantes. Resumimos as principais:
- Pantalla de 4,7 polgadas con resolución 1280 x 720.
- Procesador de dobre núcleo Qualcomm Snapdragon S4 Pro a 1,7 GHz.
- 2 GB de RAM
- 16 GB/32 GB de memoria interna (non ampliábeis)
- Cámaras de 10,5 e 2 megapíxeles.
- Batería de 2200 mAh.
En canto a sistema operativo, vén con Android 4.2.2 totalmente limpo, polo que a experiencia será moi semellante á dun Nexus. Mais tamén é de destacar a presenza do control por voz integrado con Google Now, posto que podemos activalo dicindo Ok Google Now, como podedes ver no seguinte vídeo
A personalización é outro tema a ter moi en conta neste dispositivo, para o que se comercializan 18 carcasas traseiras, dous frontais e o anel que rodea a cámara para ter a combinación de cores que prefiramos, cun total de 504 alternativas.
En canto a dispoñibilidades ou prezos, a versión de 16 GB estará dispoñíbel cos operadores AT&T, T-Mobile, Sprint, US Cellular e Verizon por 199 dolares, mentres que o de 32 GB será comercializado (en principio) unicamente por AT&T por 249 dólares. Motorola xa confirmou a dispoñibilidade global do terminal, aínda que sen concretar datas e prezos para o noso país, así que neste senso tocará agardar.
Que vos parece este novo dispositivo?
Fálase de que estará preto dos 600 Euros, ten boa pinta, pero por ese precio, prefiro un Nexus.
O tema das pantallas tan grandes, supoño que será a tendencia, pero faiseme moi grandes, están chegando a ser case unha tablet..
Ola Anónimo,
Eses prezos son suposicións, porque aínda non hai nada oficial; o máis seguro é que ande entre os 400 e 450 euros, pois son as cifras que se manexan nesa gama, máis unha vez máis é outra suposición.
Sobre o tema do tamaño, hai a tendencia a medrar porque cada vez usamos o noso smartphone para máis cousas, polo que acaba por resultar (polo xeral) máis cómodo. A experiencia que acumulamos nestes anos lévanos a pensar que isto é así, pois cando a xente acaba por probar un terminal con pantalla grande logo non quere saber nada das pequenas, mais claro está, isto vai nos gustos.
Saúdos